sábado, 9 de junio de 2012

"A secretaría de Economía e Emprego é un cargo de gran responsabilidade nestes momentos"


Verónica Gómez Fuentes ten 25 anos.
Verónica Gómez Fuentes, natural de Buscás, forma parte da nova Executiva provincial do PSdG-PSOE de Francisco Caamaño

Por R. A. Landeira

Verónica Gómez Fuentes é natural de Buscás. Licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Santiago de Compostela, aos seus 25 anos ven de ser nomeada secretaria de Economía e Emprego do PSdG-PSOE provincial. Leva dous anos preparando as sempre complicadas oposicións a Inspección de Facenda, das que aínda non chegou a examinarse. “Hoxendía, as convocatorias son moi poucas”, confesa. 

Recoñece que é esta a súa primeira entrevista xornalística. Non se lle nota. Asoma estilo: contesta rápido e usa a linguaxe política. Esta mañán participou na súa primeira reunión da Executiva provincial na Coruña.

Que é ser secretaria de Economía e Emprego nun partido político? Que lle encargou Francisco Caamaño facer?
O meu traballo consiste en coñecer as necesidades de cada Agrupación local socialista na nosa provincia nos aspectos que me delegaron, é dicir, a economía e o emprego, e propoñer solucións e estratexias que logo na Executiva provincial, entre todos, valoraremos poñer en marcha. Unha determinada política ou decisión neste sentido non se toma de xeito improvisado senón que precisa antes dun estudio e un amplio traballo de campo; iso precisamente é o que facemos cada un de nós nas correspondentes secretarías.

Unha secretaría provincial é un cargo dunha gran responsabilidade e especialmente nos temas que me delegaron, como é a economía e o emprego, tan sensibles no momento actual.  

Presentación da candidatura socialista ás elecións locais de maio 2011. Verónica Fuentes é a segunda pola esquerda.
Parlamento de Galicia
Dentro duns poucos meses teremos eleccións autonómicas e ser muller, universitaria e do rural suma moitos puntos de cara a entrar nunhas listas electorais e acadar finalmente un escano no Parlamento de Galicia. Pensa que este primeiro nomeamento lle pode conducir ás listas autonómicas do PSdG-PSOE?
Sinceiramente non o sei, nin siquera pensei niso...Apenas levo unha semana na Executiva provincial, non ten ningún sentido pensar en outras cousas. Este é un primeiro paso e como digo, o asumo cunha gran responsabilidade e non penso en nada máis que en servir ao noso partido e á nosa sociedade dende a miña secretaría de Economía e Emprego.

Ademais a praza, en principio, está ocupada. Supoñemos que Silvia Fraga estará por repetir…
Supoñemos que si…Sinceiramente non o sei, insisto. Silvia é unha gran compañeira e está a facer cousas moi importantes por Galicia en xeral e pola nosa comarca de Ordes en particular, é lóxico que queira repetir.

Vostede xa é a responsable de Economía e Emprego no PSdG-PSOE coruñés. Que experiencia laboral ten?
Son profesora de clases particulares a universitarios. Polo de agora, aos meus 25 anos, non teño máis experiencia laboral que isa, que asumo con toda dedicación e responsabilidade.  

*