miércoles, 6 de junio de 2012

Obradoiros ó aire libre de baile e música marcan o inicio das celebracións das IV Noites de tasca



O gaiteiro de Taramundi Manuel Enríquez Fernández, presentou o seu novo libro-CD no Museo do Traxe Juanjo Linares

Os actos de celebración do cuarto aniversario de Noites de tasca arrancaron na tarde do pasado martes en Ordes con dous obradoiros de baile e gaita ó aire libre. Acompañados polo bo tempo e as altas temperaturas, a Alameda ordense e a explanada situada nas inmediacións do Museo de Traxe Juanjo Linares serviron de improvisados escenarios. En ambos espazos os integrantes do Grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes e as asociacións Sementes da Arte e Camiño Real de Poulo levaron a cabo un obradoiro de gaita e baile no que participaron tanto os seus integrantes como moitos veciñas e veciños.


Gaitas
Ás 20:30 horas o salón de actos do Museo do Traxe acolleu a presentación do novo libro-CD ‘Nela de Bres’ por parte do gaiteiro de Taramundi, Manuel Enríquez Fernández. Un acto que contou coa presenza de Ramón Vázquez, concelleiro de Cultura de Ordes, quen lle fixo entrega dun pequeno agasallo en nome do Concello. Vázquez tamén lle brindou unhas palabras de agradecemento “por ter escollido o Concello de Ordes nunha data tan sinalada para a presentación deste novo traballo”. Un libro de carácter biográfico que fai un percorrido pola súa biografía e polo seu repertorio. 


Galicia e Asturias
Tal e como explicou no acto o gaiteiro Raúl Galego “en nela condénsanse unha serie de carácterísticas e virtudes propias da zona dos Ancares, Fonsagrada e Taramundo entre outras poboacións. Un espazo onde se funde a tradición musical galega coa asturiana. ‘O vals de Taramundi’, ‘Muiñeira de Alejandro das Neves’ ou a ‘Jota de patricio’ son algunhas das 24 pezas que aparecen no CD que acompaña a obra.


Noites de tasca
Noites de tasca é unha iniciativa desenvolvida polo grupo de gaitas os Viqueiras de Ordes, que cada semana ofrece un recital de música e baile tradicional en diversos establecementos da comarca, contando coa participación de distintos grupos chegados de todas as provincias galegas e incluso de Asturias.


Participantes
Para unha celebración tan especial, dezaseis bares e restaurantes da vila de Ordes contaron nesa mesma noite coa actuación dun intérprete, grupo musical ou agrupación folclórica.  Estas foron: Caivanca, Camiño Real de Poulo, Flor da Maquía, Sarillo de Aiazo, Acordeonistas de Lesta, Xentiña de Trazo, Somos Nós, Faiscas da Pontraga, Grupo de Gaitas os Viqueiras de Ordes, Contracocheno, Manuel Viqueira, Manuel Enríquez ‘Nela’, as Pandereteiras das Encrobas, Embruxos de Leira, Escola de Música Tradicional de Mesía, Os Xeitosos de Trazo, Raúl Galego ‘O Gaiteiro Nubeiro’, Os Reiceiros da Pontecarreira e a as Pandereteiras de Cerceda. A organización tamén organizou unha gran foliada entre todos a partir da media noite na cervecería Islia. 

*