O pleno da Mancomunidade de Municipios de Ordes durante a súa reunión ordinaria nos baixos da Alameda. |
Presentará aos Plans Coopera un proxecto para a elaboración dun protocolo
comarcal de loita contra a violencia de xénero
O pleno da Mancomunidade de
Municipios da Comarca de Ordes aprobou o pasado luns sacar a concurso o servizo de axuda a
domicilio, que actualmente presta
atención a 59 veciños e veciñas de Frades, Ordes e Oroso. Un servizo que se
mantén grazas ao compromiso e ás aportacións destes tres Concellos e a pesar
dos recortes experimentados durante 2011 por parte da Consellería de Traballo e
Benestar, que reducíu as súa aportación ao cofinanciamento deste servizo nun
89% (dende os 90.401,74 euros anuais aos 9.757,05 euros).
A Mancomunidade de Ordes sacará nas vindeiras
semanas o pliego de condicións para o concurso, onde se pedirá ás empresas que
fagan as súas ofertas sobre un total de 30.684 horas de prestación. A día de
hoxe, o servizo de axuda a domicilio é prestado pola empresa ordense Endeben
SC, despois de que en 2010 resultara adxudicataria do servizo por un periodo de
dous anos e un orzamento de 330.000 euros anuais.
Coa prestación deste servizo de
axuda no fogar, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes pretende facilitar
a permanencia dese veciño ou veciña no seu propio entorno de convivencia
mentras iso sexa posible e convinte. Uns servizos que inclúen atencións de
carácter persoal na realización das actividades da vida diaria tales coma
asistencia para erguerse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, control do réxime alimentario e axuda para alimentarse (se fose preciso), supervisión
das rutinas de administración dos medicamentos prescritos polos médicos, apoios
para cambios posturais...
Protocolo de violencia e mostra de obradoiros
Por outra parte, o pleno de hoxe
tamén acordou presentar un proxecto á convocatoria pública dos premios Coopera
Galicia Entidades Locais, que distingue as iniciativas de fomento do
asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de
servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios
locais e áreas metropolitanas de Galicia. A Mancomunidade de Ordes vai
presentar un proxecto do Centro de Información á Muller (CIM) para a
elaboración dun protocolo de actuación contra a violencia de xénero a nivel comarcal, que implique non só ás forzas de seguridade
e aos servizos sociais de cada un dos sete concellos da comarca, senón tamén a
outras entidades como os centros educativos, os centros de saúde, os
xulgados...
Finalmente, todos os alcaldes
presentes quedaron emprazados para o vindeiro luns 11 de xuño, ás 20:00 horas,
no Museo do Traxe de Ordes, onde terá lugar a inauguración da VI Mostra de Obradoiros
Culturais da Comarca de Ordes. Unha exposición
na que se poderán ver os traballos realizados por máis de douscentos veciños e
veciñas dos concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo
durante o último curso. Todos eles levarán un pequeno agasallo conmemorativo e
as súas obras poderán ser visitadas do 12 ao 17 de xuño no Museo do Traxe de
Ordes.
A esta sesión ordinaria do pleno
da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asistiron asistiron todos os
alcaldes da comarca de Ordes: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado
Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Regos Boquete (Ordes),
Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé
Dafonte Varela (Trazo).
*