miércoles, 27 de junio de 2012

O BNG opta por non subir os prezos na piscina do Muíño


Aspecto das obras do peche da piscina municipal.
Os nacionalistas presentan unha moción solicitando a conxelación dos prezos e o remate das obras

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou esta tarde que o BNG ven de presentar unha moción, que será debatida no Pleno que terá lugar mañá xoves ás 20:00 horas, na que “proporemos a conxelación dos prezos da piscina municipal, mantendo os existentes o ano pasado e esixiremos ao alcalde que se rematen inmediatamente as obras que impiden o uso das instalacións da piscina e que xa levan retrasado quince días o inicio da temporada da piscina municipal, causando un perxuizo evidente aos veciños e veciñas de Ordes”.

Gonzalo Castro afirmou que “resulta inaceptábel a desproporcionada suba dos prezos da piscina municipal, que pretende acometer o alcalde, chegando prácticamente a multiplicar por dous o que viñan pagando até agora os usuarios da piscina municipal”.

O portavoz do BNG puxo como exemplo desta suba o carné de tempada de menores que pasa de 6 a 12 euros, e o de adultos, que pasa de 12 a 20 euros, así como os cursos de natación que pasan de 12 a 20 euros no caso dos menores e de 18 a 30 euros no caso dos adultos.

Gonzalo Castro salientou que, “con esta desproporcionada suba, o alcalde pretende que as familias de Ordes paguen os resultados dunha xestión absolutamente nefasta, pragada de despilfarros”.

Gonzalo Castro.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Esta suba dos abonos da piscina ten menos sentido ainda se temos en conta que xa se levan perdidos 15 días da tempada, que debía ter comezado a mediados do mes de xuño, debido ao retraso das obras que se están realizando na entrada da mesma”

“O retraso na execución destas obras é totalmente inxustificado, xa que forman parte dunha actuación subvencionada con cargo aos orzamentos do 2011, polo que debería ter sido realizada xa durante o inverno pasado”

“A execución das obras deixa moito que desexar, xa que inicialmente prevíase o descubrimento do curso do río, coa conseguinte humanización da zona, mais finalmente o curso do río continua totalmente canalizado e oculto e se ten producido o levantamento dun muro de formigón de cuestionábel estética”

*