O PSOE de Ordes pedirá no pleno municipal desta semana que se inste á
empresa Gesuga a que os seus camións que transportan animais mortos usen a rolda leste no seu camiño cara a planta de tratamento de Cerceda, evitando así
o seu paso polo centro da Vila de Ordes.
O secretario xeral da Agrupación
Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, explica que “observamos con satisfacción
que os camións de Sogama xa non circulan polo centro da vila pero os de Gesuga seguen facéndoo, cando transportan animais mortos e en moitas ocasión xa en
estado de descomposición, o cal fai que coa calor do verán os veciños teñan que
soportar en maior ou menor medida os malos cheiros de putrefacción que deixan
ao seu paso”.
Xesús Pedreira. |
Desvío pola rolda leste
Por iso, os socialistas pedirán no pleno que o Concello de Ordes recomende
a Gesuga que empregue a mesma ruta que están a utilizar os camións de Sogama
cara Cerceda. Ademais, os socialistas solicitarán a instalación de paneis
indicadores da rolda leste maiores aos xa instalados, para facer efectiva a
desviación do tráfico.
“Constatamos con satisfacción que as nosas suxerencias
do pasado mes de maio foron atendidas, pero os paneis instalados son demasiado
pequenos, polo que non poden ser observados con claridade polos vehículos”,
sinala Xesús Pedreira.