O BNG presentou onte no Concello de Ordes unha moción contra o recorte de 61 millóns de euros en axudas ás corporacións municipais para políticas activas de emprego e para a contratación de paradas e parados, que foi publicada no DOG do pasado 15 de Xuño.
O portavoz municipal do BNG de Ordes,
Gonzalo Castro manifestou que “esta drástica redución dos fondos públicos aos
concellos para combater o paro é especialmente antisocial nun momento en que,
precisamente a consecuencia das políticas despregadas polo PP en Galiza, o paro
no noso país medra a un ritmo superior do que no Estado”.
“Cómpre lembrar que cando chegou Feijóo ao poder na Xunta de Galiza a taxa do desemprego no noso país estaba situada no doce por cento. Neste momento supera o vinte por cento, récord histórico”, engadiu o portavoz do BNG de Ordes.
Gonzalo Castro, do BNG de Ordes. |
Políticas activas de emprego
Ademáis, Castro dixo que “neste
contexto resulta absolutamente inconcebíbel que se reduzan as partidas
económicas que permitían aos concellos desenvolver políticas activas de
emprego, actividades de formación e contratación de parados e paradas”.
Con esta moción, o BNG, alén de denunciar
o drástico recorte, propón que a Corporación Municipal que inste á Xunta a dar
marcha atrás nesta nova tesourada e a garantir o financiamento que até o de
agora permitía o desenvolvimento destas políticas activas de emprego. E, a
maiores, que a Xunta solicite ao Goberno do Estado o mantimento dos fondos que
se destinan á Administración galega para o sostimento das políticas activas de
emprego.
Castro
salientou “a especial gravedade que ten o problema do desemprego no concello de
Ordes, cunha das taxas de paro máis altas da provincia da Coruña, que afecta na
actualidade a máis de 1.270 veciños de Ordes e as súas familias, no que
constitue un auténtico drama social”.
A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Resulta inadmisíbel que o Partido Popular siga
insistindo en políticas contrarias ás maiorías sociais e contrarias a calquera
hipótese de saída xusta da crise. Non só recorta as axudas para a creación de
emprego, senón que, mediante a contrarreforma laboral, ten abaratado o
despedimento, o que até agora se ten traducido, como advertía o BNG, nun brutal
incremento do desemprego tanto en Galiza como no Estado”
*