viernes, 29 de junio de 2012

Pleno dos socialistas: aprobadas as súas mocións sobre custodia compartida, sanidade e lei de augas


Momento da reunión plenaria da corporación municipal do Concello de Ordes, onte nos baixos da Alameda.
O grupo municipal do Partido Popular quedou en solitario nunha sesión plenaria de máis de tres horas de duración

Convocada para o mércores a reunión do consello municipal de Radio Ordes

A longa sesión plenaria do mes de xuño do Concello de Ordes deu comezo onte coa renuncia a súa acta de concelleiro de Pedro Carrasco del Río, do grupo municipal do Partido Popular. Cada un dos portavoces dos demáis grupos municipais tiveron palabras de recoñecemento para Carrasco del Río, de quen  destacaron a súa integridade á hora de levar a cabo a súa labor politica.

Custodia compartida
Xa no debate plenario, o concelleiro do PSdG-PSOE, Xesús Pedreira, abriu o apartado de mocións solicitando o apoio do Pleno á figura da custodia compartida e a súa introdución na normativa actual. Diante dun grupo de veciños con mensaxes de apoio á figura da custodia compartida, Xesús Pedreira destacou que “aínda que dende o Ministerio din que están de acordo, non son quen de poñer datas e moito nos tememos que isto vai para longo”. Por iso, o pleno ordense non só apoiou a figura da custodia compartida, senón que instará ao lexislador a que modifique a normativa actual para que recolla a figura da Garda e Custodia Compartida. 

Según o concelleiro socialista, “as leis que regulan as rupturas matrimoniais non garanten o dereito dos menores a convivir cos dous proxenitores e coa familia de xeito igualitario o que supón unha inxustiza para moitas familias ordenses”. 

A proposta foi aprobada cos nove votos de UxO, BNG e PSdG-PSOE. O PP abstívose co argumento de estar a expensas da modificación do artigo 92 do Código Civil que regula esta materia, que se levará a cabo nun prazo de seis meses según anuncio o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón. Quen tamén se abstivo foi Ana Álvarez, de CideGa, alegando que “o Pleno municipal non ten competencia para tomar decisións en temas coma este, polo que facelo é enganar á xente”.

Lei de Sanidade
A segunda das mocións dos socialistas pedía a derogación do real decreto lei 16/2012 de medidas urxentes para a sanidade. Nela solicítase ao Goberno de España o diálogo con axentes sociais, Comunidade Autónomas, forzas políticas e coa Federación Española de Municipios para acadar un gran acordo sobre a Sanidade que manteña os principios establecidos na lei xeral de Sanidade de 1986

Xesús Pedreira explicou que “con este decreto quedan fora da gratuidade fármacos como os precisos para a nutrición parenteral, que poden custarlle máis de 800 euros mensuais aos pacientes”. Ademais, lamentou as mentiras do PP sobre esta lei “por fachendear de que aos parados non se lles vai cobrar cando saben perfectamente que, por desgracia, o maior número de desempregados son xente xoven que non son usuarios do sistema”.

Ante o argumento dos populares de que esta medida responde ó interese de seguir mantendo unha sanidade gratuita, universal e de calidade, a portavoz do grupo de Goberno muncipal, Silvia Marín, destacou que “Ordes quedará en breve sen matrona porque ésta marcha de vacacións e non enviarán quén a sustitúa”. 

Marín tamén incidiu na idea de que “é fácil crer que o PP prefire que os cidadáns contratemos seguros e servizos privados dadas as decisións que se están a tomar nestes  últimos meses e que traerá un grave perxuizo para as clases máis desfavorecidas”. Por parte do BNG criticouse, entre outros aspectos, que dende a Xunta de Galicia non se tome outra actitude xa que “é evidente que se están invadindo competencias do Parlamento galego”. Finalmente a moción saíu aprobada cos votos a favor de UxO, PSdG-PSOE e BNG (nove votos), pola abstención de CIDEGA e a negativa do PP.

Os socialistas tamén viron aprobada a moción que propón a retirada da lei de augas de Galicia cos votos a favor de UxO, PSdG-PSOE e BNG. O grupo municipal popular votou en contra e CideGa se abstivo.

Gesuga
O alcalde de Ordes aceptou a petición da Agrupación Socialista de Ordes e instará á empresa GESUGA a que os seus camións que transportan animais mortos usen a Rolda Lesta no seu camiño cara a planta de tratamento de Cerceda, evitando así o seu paso polo centro da Vila de Ordes. Pedreira conseguiu o compromiso do alcalde de que “se non fixeran caso, a policía local poderá sancionar a aqueles camións que pasen pola vila transportante animais mortos, e en moitas ocasións xa en estado de descomposición, para que os veciños non teñan que soportar os malos cheiros de putrefacción que deixan ao seu paso”.


Piscina do Muíño
Por parte do grupo municipal do BNG, a primeira das súas mocións que demandaba a baixada das tasas para a utilización da piscina do Muíño non foi admitida a trámite ao votarse en contra a súa urxenciaO portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, salientou que “a propia execución das obras deixa moito que desexar, xa que inicialmente prevíase o descubrimento do curso do río, coa conseguinte humanización da zona, mais finalmente o curso do río continua totalmente canalizado e oculto e se ten producido o levantamento dun muro de formigón de cuestionábel estética”. 

Axudas a concellos
Pola súa contra si que se aprobou, coa única oposición do PP, a moción do BNG que demandaba da Xunta de Galicia que non reduza en 61 millóns de euros as axudas aos concellos para políticas de emprego e contratación de persoal en paro en escolas taller e obradoiros. “Convén lembrar que cando chegou Alberto Núñez Feijóo ao poder na Xunta de Galiza a taxa do desemprego no noso país estaba situada no 12 por cento. Neste momento, supera o 20 por cento, récord histórico”, engadiu Gonzalo Castro, quen engadiu tamén que “neste contexto resulta absolutamente inconcebíbel que se reduzan as partidas económicas que permitían aos concellos desenvolver políticas activas de emprego, actividades de formación e contratación de parados e paradas”.

Rescate financieiro
A última das mocións presentadas polos nacionalistas solicitaba ao Pleno municipal que se manifestase a favor da realización dun referéndum vinculante sobre o rescate que se vai a realizar do sistema financieiro. Tamén para que pida unha rápida solución para todos os afectados polas chamadas "participacións preferentes" de Novagalicia Banco,  que demande o mantemento dos postos de traballo de Novagalicia Banco, así como unha comisión de investigación no Congreso dos Deputados que esclarezcan as xestións realizadas polas entidades financieiras e a creación dunha banca pública galega

Gonzalo Castro manifestou na defensa desta moción que “o rescate ao Estado español por valor de 100.000 millóns de euros vai ter só un beneficiario -a banca privada, que poderá pagar as súas débedas e sanear os seus balances- e unha vítima ben evidente, a cidadanía, que será quen pague esta operación en forma de novos recortes, máis desemprego e co deterioro da nosa calidade de vida, tal e como aconteceu nos anteriores rescates no ámbito da UE: Grecia, Portugal e Irlanda”.

A este respecto, o PSdG-PSOE presentou unha emenda que demanda que como moito, en xullo esté constituida dita comisión. Tamén os populares presentaron unha emenda ao respecto onde solicitaron, estre outros puntos, a retirada de varios puntos da súa e que as demandas de mantemento dos postos de traballo se solicitaran a Novagalicia Banco e non á Xunta de Galicia. Aspectos que foron rexeitados polo BNG quen defendeu o beneficio dunha banca pública poñendo como exemplo o crecemento económico de Brasil. Finalmente, UxO, BNG e PSOE aprobaron esta moción mentres que o PP rexeitouna.


*