martes, 19 de junio de 2012

O PSOE de Ordes a favor da custodia compartida


Xesús Pedreira: "Dous de cada tres matrimonios remata en divorcio"

O PSOE de Ordes informou hoxe de que pedirá o apoio do pleno municipal á figura da custodia compartida e solicitará que o pleno inste ao lexislador a que modifique a normativa actual para que recolla a figura da Garda e Custodia Compartida

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, denuncia que “as leis que regulan as rupturas matrimoniais non garanten o dereito dos nenos a seguir convivindo cos dous proxenitores e coa súa familia de xeito igualitario, unha inxustiza que nos teñen denunciado algunhas familias ordenses”.

Unha situación que non é de extranar xa que, segundo o Instituto de Política Familiar, dous de cada tres matrimonios remata en divorcio. Desta cifra, o 41% das disolucións matrimoniais remata nun contencioso xudicial, no que nunha ampla maioría os fillos quedan a cargo dun só proxenitor mentres que o outro pasa a ter un papel secundario. 

Xesús Pedreira sinala que “a perda dun dos proxenitores supón un drama para calquera neno, algo que acaba producindo desequilibrios emocionais que arrastrará durante a súa vida. Ademais, resulta tamén inxusto para os avós, avoas e demais membros da familia do proxenitor non custodio, aos que se lles obriga a manter unha condición de meros visitadores dos cativos”.

Lei arcaica
Por iso, o PSOE de Ordes presentará unha moción na vindeira sesión plenaria para conseguir o apoio da corporación municipal á figura da Garda e Custodia Compartida como garante do interese dos nenos e garantía de que poidan continuar compartindo as súas vidas en igualdade cos seus dous proxenitores. Ademais, solicitarase que o Concello de Ordes inste ao lexislador a modificar a normativa vixente para que se recolla esta figura dende o momento no que se presenta diante do xulgado unha demanda de divorcio.

Neste sentido, son numerosos os países que teñen introducido a figura da Garda e Custodia Compartida nas súas lexislacións (Alemaña, Francia, Italia, EEUU, Canadá, Brasil, Australia...), atendendo así tanto aos dereitos dos nenos como á igualdade e a corresponsabilidade dos proxenitores. 

Xesús Pedreira, do PSdG-PSOE.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro do PSdG-PSOE de Ordes
“Temos que lembrar que as leis que se utilizan agora nos casos de divorcio son dun pasado lonxano, que non teñen en conta a transformación da sociedade española

“En contra desa evolución, as normas relativas ao divorcio entran en contradicción coas políticas de igualdade e progreso que pretenden fomentar o desenvolvemento profesional da muller e a corresponsabilidade do varón no eido familiar”

*