O obxectivo é ofrecerlle aos mozos e
mozas alternativas ó ocio exentas de alcol e mellorar a súa autoestima e as
relacións interpersoais
Os próximos 15 e 29 de xuño o
Concello de Ordes en colaboración coa Deputación da Coruña celebrará unha nova
edición das súas Noites Psicoeducativas. Unha iniciativa coa que se pretende
ofrecer ós máis novos do municipio alternativas para o seu tempo de ocio,
ensinándolles a empregalo con divertidas alternativas que non van vinculadas ao
consumo de alcol. Asimesmo, con este plan preténdese incidir tamén na mellora
da autoestima e das relacións interpersonais.
Nesta ocasión, os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e 16
anos poderán participar en obradoiros de tiro con arco, manualidades, karaoke,
elaboración de cócteles sen alcol, xogos populares ou cociña creativa entre
outros. Todas estas actividades terán lugar no pavillón Campomaior de 20:30 a
23:30 horas.
Prazas limitadas
As prazas serán limitadas polo que se recomenda realizar canto
antes a inscrición correspondente na Oficina Municipal de Información Xuvenil
situada no primeiro andar do novo concello. O prazo rematará o próximo 12 de
xuño e a participación é completamente de balde. Para recibir máis información
pódese consultar a web municipal (www.concellodeordes.com) ou ben chamar ó teléfono 981 680002.