jueves, 20 de junio de 2013

Regos aproba os seus orzamentos do 2013

Serán de 11,5 millóns de euros

A proposta foi aprobada cos votos a favor de UxO e PSOE, a abstención de CideGa e os votos en contra de PP e BNG

A corporación municipal do Concello de Ordes aprobou esta mañá en sesión plenaria extraordinaria cos votos a favor de UxO e PSOE, a abstención de CideGa e os votos en contra de PP e BNG, os orzamentos do ano 2013. Unhas contas que roldan os 11,5 millóns de euros e que segundo a tenente de alcalde, Silvia Marín “son equilibrados, reais e permitirán ao noso Concello seguir avanzando”.

Tal e como se sinalou dende a bancada o Goberno local “nestas contas priman áreas como as dos servizos sociais e públicos básicos, a movilidade e accesibilidade, a seguridade, a educación, o medioambiente, o fomento do emprego ou as axudas sociais. Marín avogou por investimentos realizados en obras accesibles par adaptarse as necesidades de todos os veciños a través dunha subvención finalista como é o caso da nova Casa do Concello.

Silvia Marín (UxO).
Desglose orzamentario
Así, no detalle dos gastos os servizos públicos básicos alcanzan a cifra de 3.326.000 euros, dos cales 446.500 son para materias relacionadas coa seguridade e mobilidade cidadá, e máis de 400.000 euros para a área de urbanismo, punto no que se inclúe o mantemento de vías. En saneamento e distribución de augas, recollidas e tratamentos de residuos, cemiterios, alumeado público etc, investiranse arrredor de 2.281.500 euros. Tamén destacan os algo máis de 196.000 euros destinados a medioambiente.

No que se refire a servizos sociais e educativos as contas reflicten unha partida de 684.000 euros. Neste sentido Marín destacou a colaboración que o Concello manterá coas comunidades educativas instaladas no termo municipal “aínda que sexan competencia doutras administracións porque estamos falando dos nosos rapaces e rapazas e dos estudantes de Ordes que, en definitiva, son o noso futuro e polo tanto unha das nosas prioridades”. 

Así, continuaranse co curso de habilidades sociais e autonomía persoal que se imparte na aula adaptada do Mesón do Vento para persoas que presentan algún tipo de diversidade funcional. No eido deportivo e cultural cuantifícanse un total de 753.000 euros.

En actuacións de carácter económico dedícanse un total de 3.481.500 euros, que na súa meirande parte se investirán en estradas. Tamén se dedican un total de 106.753 euros para a promoción do comercio, turismo e pequenas e medianas empresas.

No presente exercicio reducirase case dez puntos a ratio de endebedamentos xa que 639.800 euros se investirán na amortización de débeda pública.

Ingresos
No que se refire aos ingresos obteranse arredor de 7.500.000 euros procedentes de impostos directos e indirectos, taxas, transferencias e ingresos patrimoniais. A esta cifra hai que engadirlles os 3.995.000 euros obtidos a través das transferencias de capitais.

Marín destacou que na actualidade o Concello de Ordes é un dos municipios que menos recada en impostos por habitante, cunha media que se aproxima aos 270 euros. “Somos conscientes da realidade e situación de moitos dos nosos habitantes, de aí que dende as nosas posibilidades este Concello manteña un nivel de gravámenes locais baixo, a diferencia non só doutros municipios senón tamén doutras institucións de ámbito comunitario ou estatal, polo que as cifras en relación á presión fiscal tamén son das más baixas de toda Galicia”, sinalou a tenente de alcalde. 

Marín tamén salientou que se segue a mesma dinámica no referente ao gasto en persoal, xa que a media comunitaria oscila entre o 45% e 65%, estando Ordes aínda nun nivel inferior. No caso do investimento por habitante esta é superior á media da provincia, situándoo en algo máis do 108%, situándose por riba da media estatal.   

Contas do 2012 
Na sesión de hoxe tamén foron aprobadas as contas xerais do exercicio 2012. Neste punto reflíctese un resultado orzamentario positivo de algo máis de un millón de euros cun remanente en tesourería de preto de 307.000 euros. A avaliación de estabilidade orzamentaria presenta unha capacidade de financiamento de preto de 1.071.000 euros.


     Na sesión de hoxe tamén se aclaraou que dende Intervención a débeda financieira contraída polo Concello de Ordes a 1 de xuño de 2013 según datos do Departamento de Intervención ascende a 6.951.000 euros, contemplando unha amortización de 640.000 euros, “polo que estamos no bo camiño para poder seguir traballando e esforzándonos. O fin é chegar a cubrir todos aqueles servizos prioritarios para o noso municipio e prestar a atención debida a aqueles que máis o precisan”, destacou Silvia Marín. 


José Luis Martínez Sanjurjo (PP).
Un "abismo" para o PP
O Partido Popular de Ordes votou en contra por entender que entre o documento orzamentario e a realidade media un “abismo”. O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, acusou ao Executivo local de presentar os orzamentos cun retraso mínimo de medio ano e recordou que, como indica o informe do interventor, non se deben presupostar gastos sen ter garantidos os ingresos necesarios para efectuar os pagamentos.

Como alternativa, Martínez Sanjurjo, reclamou incluír nos orzamentos de 2013 un plan integral para o mantemento e limpeza dos 1.600 quilómetros de estradas e pistas de titularidade municipal para equiparar  o estado destas vías co que presentan as de concellos limítrofes.  “Canto máis empeore o estado destas pistas e estradas, máis custará afrontar a súa recuperación no futuro”, aseverou o voceiro popular.

"O Zapatero de Ordes"
Martínez Sanjurjo cuestionou con dureza a xestión desenvolvida polo Goberno de Regos nos últimos anos. A xuízo do PP, “Regos fixo como Zapatero, pensou que a crise era algo pasaxeiro e que podía seguir a gastar o que non tiña porque pensaban que o déficit e a débeda son verbas baleiras de contido”.

Como exemplos desa xestión errónea, o portavoz popular sinalou que, do orzamento de Ordes para 2013, tan só 344.000 euros financiados con fondos dos impostos dos veciños irán destinados a investimento directo, en beneficio dos veciños. Pola contra, resulta alarmante, que o importe dos xuros da débeda a longo prazo no mesmo exercicio 2013 acada os 358.000 euros. Cifra esta que supera aos investimentos financiados con fondos propios.

No seu conxunto, aseguraron os populares, a débeda do Concello de Ordes a curto e longo prazo suma nove millóns de euros, e non podemos esquecer os xuros que nalgún dos préstamos acadan o 7,25%.

O voceiro popular cuestionou tamén a suba de impostos impulsada polo Concello de Ordes no último ano, cun “catastrazo” que incrementou en máis de 400.000 euros a recadación do IBI urbano.

Na súa intervención, Martínez Sanjurjo instou tamén ao concelleiro socialista que co seu voto permitiu a aprobación do Orzamento a que explicase en público “con qué piruleta ou caramelo o convenceron en esta ocasión” para apoiar ao equipo de Goberno; pois das peticións que vendeu no ano 2012, non se viron os resultados por ningún lado.

Débeda municipal
No mesmo pleno, o Partido Popular votou tamén en contra da aprobación da Conta Xeral do Concello de Ordes correspondente ao exercicio de 2012.

Neste punto, Martínez Sanjurjo criticou o elevado crecemento da débeda municipal desde a chegada de Manuel Regos á Alcaldía. Recordou, que mentres en 2007 a débeda a longo prazo do Concello de Ordes supoñía 119 €/veciño, na actualidade, seis anos despois, supón 515,56 €/veciño, é dicir, á débeda municipal incrementouse nun 430%.

Paralelamente, Martínez Sanjurjo cuestionou tamén as horas ás que o Alcalde de Ordes convoca os plenos extraordinarios (hoxe, ás 08,00 h), cando os ordinarios adoitan celebrarse sobre as 20,00 horas do derradeiro xoves de cada mes. O voceiro popular atribuíu estas convocatorias a un intento de desincentivar a participación dos concelleiros da oposición, que se deben ausentar dos seus postos de traballo para poder acudir a estar reunións extraordinarias.

Ramiro Recouso (BNG).
"Irreais e inflados" para o BNG
Segundo Ramiro Recouso, portavoz municipal do BNG de Ordes, e "ao igual que o interventor municipal", considera que os 2.832.500 euros previstos para o arranxo da estrada de Mercurín, así como os 625.500 euros para saneamentos non deberían estar reflexados nos Orzamentos, porque non se ten constancia da súa concesión por parte do Goberno Central nin da Xunta.

Ao non estar concedidos nen comprometidos estos proxectos, o orzamento real do Concello de Ordes, sempre segundo o BNG de Ordes, ascende so a 8.009.446 euros, en 30% menos que os que aprobaron UxO e PSOE.

Para Ramiro Recouso “Manuel Regos pretende engañar aos veciños e veciñas, falsificando uns orzamentos que somentes van ter uns investimentos reais do 12% do presuposto real, ascendo os gastos correntes a un 80%, e cuns gastos financieros (amortizacións e intereses) 998.493 euros

Afondar na débeda financieira do Concello xa é redundante, “segundo o informe de intervención elaborado para aprobación da Conta Xeral 2012, a débeda percápita de Ordes ascende a 692,48 euros

Ramiro Recouso fixo fincapé “na miserábel partida orzamentaria para a promoción de emprego, no aumento da presión fiscal sobre os veciños co novo aumento do IBI e da nula redución de gasto, pondo como exemplo o déficit que xera o Museo do Traxe, 54.000 euros; Radio Ordes, 42.500 euros; ou a piscina climatizada 74.000 euros

"Quebra técnica"
O portavoz nacionalista salientou que “Regos decidiu contratar, sen concurso público que abaratara o custo do servizo, a concesión do mantemento de viais públicos, por importe de 134.000 euros e o desbroce de cunetas por importe de 109.000 euros a unha empresa determinada, non se sabe con que escuros intereses”.

Recouso salientou tamén “a reedición do Goberno de Coalición da pasada lexislatura entre UxO e PSOE, goberno que nos levou a esta situación de quebra técnica que sofre o Concello de Ordes”

Xesús Pedreira (PSOE).
"Sentido común e responsabilidade" do PSOE
Pola súa parte, o PSOE de Ordes deu o seu apoio aos orzamentos municipais de Ordes para 2013 logo de ter negociado a inclusión nos mesmos de partidas de investimentos a prol dos veciños e veciñas do municipio por unha cantidade cercana aos 100.000 euros

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, destaca a importancia destes investimentos pois “estamos falando de actuacións moi importantes como a creación dun centro de emprendedores, dar apoio ao comercio local, arranxo de pistas en Vilamaior ou o mantemento das actividades educativas e das actuacións de emerxencia social”.

Uns compromisos adquiridos polo alcalde ordense, Manuel Regos, co voceiro municipal socialista e que están incluídos na proposta de orzamentos presentada esta mañá ao pleno municipal, que foi aprobada grazas ao voto de calidade do alcalde. 

Unha sesión na que Pedreira Mirás defendeu o seu apoio a estas contas “por sentido común e responsabilidade. Facemos o que consideramos mellor para Ordes e o Goberno aceptou incluír os investimentos que solicitabamos para a veciñanza, cal sería o motivo entón para non aceptar estes orzamentos?”, se preguntou o voceiro socialista. 

De feito, Xesús Pedreira criticou a actitude doutros grupos de “rexeitar todo por sistema. Neste momentos de crise, o diálogo é máis importante ca nunca. O fácil é rexeitar todo por sistema. Nós optamos por traballar e conseguimos uns acordos moi importantes para os veciños e veciñas de Ordes”.

 Compromiso Goberno-PSOE
O compromiso entre o Partido Socialista e o Grupo de Goberno do Concello de Ordes inclúe sete puntos:

1) Habilitación dunha partida de 40.000 euros para a creación dun Centro Municipal de Emprendemento. Trátase dunha iniciativa presentada en setembro de 2012 polos socialistas ordenses e que se situaría na primeira planta da Praza de Abastos ordense, que na actualidade se encontra ociosa. Estará composta de entre 8 e 10 oficinas, dotadas dos servizos comúns máis necesarios e cun servizo de asesoramento xurídico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.

2) Arranxo de pistas en Vilamaior. Unha actuación de conservación e de reparación de pistas que xa leva varios meses reclamando o partido socialista en nome dos veciños desta parroquia.

3) Habilitación dunha partida de 6.000 euros para a promoción do comercio local ordense, que está a ser moi afectado pola crise económica.

4) Dotación de mobiliario para a antiga escola de Pereira, que está sendo utilizada polos veciños como local social.

5) Recuperación do festival Brincadeira, habilitando unha partida económica para recuperar un evento que reunía a milleiros de persoas e dinamizaba o sector hostaleiro ordense.

6) Mantemento das partidas dedicadas a actividades educativas e de concienciación en temas medioambientais.

7) Emerxencia social. Aínda que a atención aos casos de emerxencia social que poidan xurdir en Ordes serán xestionados pola Mancomunidade de Ordes, os socialistas conseguiron o compromiso do alcalde ordense de que o Concello atenderá en todo caso a todos os veciños e veciñas que acudan á Casa Consistorial cando se atopen nunha situación de emerxencia acreditada previo informe da traballadora social.

*