martes, 11 de junio de 2013

O PSOE de Ordes exíselle á Facenda que deixe de sancionar aos emigrantes ordenses

As sancións polas pensións recibidas no extranxeiro poden chegar, segundo denuncian os socialistas, ata os 12.000 ou mesmo 15.000 euros

Xesús Pedreira: "É indignante que Facenda sancione a emigrantes que foron o sustento das súas familias  cos cartos que mandaban dende o exterior" 

O PSOE de Ordes denunciou hoxe a situación que están a vivir moitos veciños e veciñas de Ordes diante das sancións que están a recibir dende a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) por non ter tributado as pensións que reciben doutros países, nacións nas que eses ingresos están exentos de tributación. 

Unha cuestión que os socialistas ordenses levarán á próxima sesión plenaria para pedir o apoio de todos os grupos municipais para solicitar á AEAT que se exima dos expedientes sancionadores ás persoas afectadas. 

Unhas sancións que poden chegar ata os 12.000 ou os 15.000 euros e para as que a Facenda estatal dá uns prazos de devolución moi curtos e sobre os que aplica intereses de demora.

"Indignante"
Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista, considera "indignante" que Facenda “teña a man tan solta para sancionar a emigrantes que, en moitos casos, foron o sustento das súas familias  cos cartos que mandaban dende o exterior e sen embargo cale cando o presidente do Senado di que non sabía que tiña que declarar un préstamo de 24.000 euros. É insultante e a constatación de que hai dúas varas de medir”.

No caso dos pensionistas ordenses, a situación é aínda máis complicada, debido á confusión que os propios organismos oficiais teñen sobre este tipo de pensións e que poñen en dúbida se deben tributar ou non. De feito, hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que dictaminan que non teñen que tributar en España. 

A isto engádese que a información oficial é moi confusa e que aos emigrantes mesmo lles é complicado conseguir un documento oficial no que figure o importe total das súas pensións, xa que ningún organismo oficial deses países lles comunica cada ano a contía da pensión a percibir. Se queren coñecer ese dato, a única maneira é acudir ás súas entidades bancarias e facer directamente a suma.

Xesús Pedreira, do PSOE de Ordes.
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral do PSOE de Ordes 
“A AEAT está a actuar dun xeito totalmente desproporcionado. Incluso se están dando casos de veciños que reciben a primeira reclamación e que, voluntariamente e para demostrar que non houbo intención de ocultar eses ingresos, tratan de entregar as complementarias dos demais anos. Sen embargo non poden facelo porque se atopan con que Facenda se lles adianta e tamén lles notifica os requirimentos, evitando así que poidan librarse da sanción”

“Estamos falando de reclamacións sobre pensións de moitos veciños e veciñas de Ordes emigrados en países como Alemaña, Francia, Suíza ou Bélxica, con pensións que neses países están exentas de tributar pola súa baixa contía, xa que nalgúns dos documentos aos que tivemos acceso os socialistas de Ordes comprobamos que non supoñen máis que 800 ou 900 euros ao ano”.


“Non vemos que Facenda tivese a mesma dilixencia para comunicarlle a Pío García Escudero a súa sanción por non declarar eses 24.000 euros. Resulta que o presidente do Senado si pode cometer un erro sen ser sancionado pero a receita non é a mesma cando o afectado é un veciño emigrante de Ordes

*