Xesús Pedreira: "Moitas explotacións xa tiveron que pechar por non resultar rendibles e non pode ser que se lles pida cartos por unhas instalacións que están sen uso"
O PSOE de Ordes anunciou hoxe que proporá bonificacións do 100% do
IBI para explotacións agrícolas e gandeiras do municipio, logo da nova
actualización do catastro ordense. Unha proposta que o voceiro municipal
socialista, Xesús Pedreira, presentará no pleno ordinario do vindeiro xoves 27
de xuño.
IVE cultural
Por outra banda, os socialistas presentarán tamén
unha moción ao pleno para que o Concello de Ordes lle solicite ao Goberno de
España que anule a suba do IVE ata o 21% para bens e servizos culturais e
estableza un tipo reducido para a cultura por debaixo do 10%.
Xesús Pedreira
lembra que “segundo datos do propio Ministerio de Facenda, coa subida do IVE da
cultura no último trimestre de 2012 tan
só se recadaron catro millóns de euros máis que en 2011, pero a actividade
económica do sector baixou un 22%”. Unha recadación que nos últimos dous
trimestres caeu un 24%, segundo a Federación de Empresarios de Teatro.
Xesús Pedreira (PSOE). |
As frases de Xesús Pedreira, voceiro do PSOE de Ordes
“Ordes é un municipio onde a agricultura e a gandería teñen un peso especial. Se á brutal crise que está a sufrir o sector lle engadimos agora que teñen que pagar por todas as construcións vencelladas á produción agrogandeira sería a ruína total para eles”
“Dáse a circunstancia de que moitas explotacións xa tiveron que pechar por non resultar rendibles e agora resulta que haberá que pedirlles que paguen uns cartos por unhas instalacións que están sen uso”
*