sábado, 29 de junio de 2013

O pleno de Ordes aproba unha suba do IBI

Os concelleiros da Corporación municipal de Ordes, reunidos o pasado xoves en pleno ordinario.
Silvia Marín asegura que o incremento "non chegará aos dous euros de media por veciño"

O BNG acusa ao Goberno municipal de dictar un "catastrazo" e o PP ofrecía alternativas de pagamento respecto a bens rústicos fronte aos urbanos 

A sesión plenaria correspondente ao mes de xuño do Concello de Ordes acolleu o pasado xoves o debate da revisión catastral e a modificación do imposto sobre bens inmobles (IBI). Tal e como explicou a voceira do goberno local, Silvia Marín, “trátase dunha modificación catastral que según a lei debe ser revisada cada dez anos e que no caso de Ordes estaba á espera dende o ano 1993”

Deste xeito o Concello de Ordes, conxuntamente con outros 17 municipios foi un dos seleccionados pola Deputación da Coruña para realizar esta actualización de datos e cartografía, dentro dun plan que se levará a cabo ao longo dos próximos anos para todos os municipios da provincia que o precisen. 

“Deste xeito, ademais, remátase con situacións moi inxustas que se viñan dando. Por exemplo que se pagasen cantidades moi dispares por propiedades moi similares e de iguales dimensións”, matizou Marín. Finalmente o incremento no recibo do IBI para a poboación ordense non chegará aos dous euros de media

Aínda así, e tendo en conta a situación económica actual decidiuse manter conxelado o IPC para aplicar a menor suba posible dos recibos. Pola súa banda a idea do equipo de Goberno local é baixar aínda máis este imposto de cara ao vindeiro ano, tal e como se anunciou. Á hora da votación as representacións políticas de UxO, PSOE e CideGa votaron a favor, fronte á negativa do PP e BNG.   

Alternativas do PP
O grupo municipal popular votou en contra por defender unha enmenda coa que trataba de minorar a subida do IBI proposta polo Concello, que en dez anos pode chegar a un 52,94%.

Explicou o seu portavoz, José Luis Martínez Sanjurjo, que as proxeccións elaboradas polo PP conclúen que cun tipo de gravame do 0,58% revisable a baixa (idéntico para bens de natureza rústica e urbana) e a conxelación do IPC, o Concello tería garantida a suficiencia financeira derivada deste importe e podería cumprir o plan de axuste. 

Para os populares, o Grupo de Goberno coa "complicidade do PSOE" optou por aprobar fixar un tipo de gravame idéntico para os bens de rústica e urbana do 0,60%, co que “facer caixa” a curto prazo.

“Os datos poñen de manifesto que Regos está a aplicar sistematicamente subas de impostos nun intento desesperado por conseguir fondos para financiar os seus “caprichos persoais”, pero négase a amortizar parte da débeda derivada dunha mala xestión económica, levada a cabo dende que chegou a alcaldía, exprimindo cada vez máis os petos dos veciños”, afirmou Martínez Sanjurjo. 

Un "catastrazo" para o BNG
Pola súa parte, os nacionalistas acusaron ao Goberno local de perpetrar un “castastrazo”. Para o portavoz nacionalista, Ramiro Recouso, o alcalde Manuel Regos tenta reducir a débeda de mais de oito millóns de euros aumentando a presión fiscal sobre os veciños de Ordes, na vez de reducir gastos superfluos ou mesmo  suprimindo concesións e asesoramentos técnicos que son deficitarios. O portavoz do BNG citou como exemplos deste últimos ao Museo do Traxe, o servizo da ORA e Radio Ordes.

Redución do IBI agrícola
A colación tamén se acordou unha reducción de dito imposto nas explotacións de tipo gandeiro ou agrícola ubicadas no termo municipal. Unha bonificación solicitada polo PSOE e que todos aceptaron de xeito unánime. 

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, amosou a súa satisfacción polo apoio unánime do pleno a esta proposta, xa que “Ordes é un municipio onde a agricultura e a gandería teñen un peso especial e non aprobar isto sería condenalos directamente á ruína, cando se da a circunstancia de que moitas desas explotacións xa tiveron que pechar. Non podemos pedirlles que, enriba, paguen por esas instalacións que non poden utilizar”.

Tamén de xeito unánime acordouse a ratificación da constitución de Ordes e Trazo como solicitantes conxuntos dunha subvención para a posta en marcha dun obradoiro de emprego á Consellería de Traballo e Benestar. De ser aceptada dita proposta destinaríanse arredor de 21.000 euros na reforma da casa reitoral de Challán, e outros 16.000 euros para a preparación e construcción dunha senda que percorrería unha das marxen do río Mercurín en Ordes.

Suba do IVE cultural
Xa no apartado de mocións o PSOE sacou adiante a súa solicitude de para reconsiderar a recente suba do 21 % do IVE para bens e servizos culturais, establecendo sistemáticamente o tipo reducido. Todos, agás os populares, mostráronlle o seu apoio nas votacións. 

Rentas do extranxeiro
O mesmo resultado obtivo noura das súas mocións, a través da cal se lle solicita á Agencia Estatal de Administración Tributaria que se exima dos expedientes sancionadores ás persoas afectadas polas rendas percibidas dende o extranxeiro e que, por primeira vez, se están reclamando con carácter retroactivo dende o ano 2008. Neste punto tanto o PP como o BNG avogaron porque dende o Consistorio se brindase asesoramento legal aos afectados. 

O socialista Xesús Pedreira, impulsor da proposta,  lembrou que “estamos falando de reclamacións sobre pensións de moitos veciños e veciñas de Ordes emigrados con pensións que neses países están exentas de tributar pola súa baixa contía, pero que dende o pasado mes de marzo están sendo notificados por Facenda para que presenten declaracións complementarias da Renda dende o ano 2008 e están sendo sancionados”.

Acordos plenarios pasados
Rexeitada quedou a moción do BNG referente á aplicación dalgúns acordos aprobados  no pleno, aínda as que según a lei non teñen obriga de executarse. Tal e como se aclarou  na sesión de onte, moitos dos acordos que nun principio se adquiren en pleno posteriormente resultan "inviables"

Tampouco saíu aprobada a modificación do proxecto da Casa Consistorial, no que se solicitaba un acceso dende a Alameda. “Facelo agora sería moi custoso dado que as obras están moi avanzadas, polo que esta demanda é extemporánea”, argumentou Marín.

Cunetas da N-550
Na fase de rogos destacaron a solicitude da limpeza das cunetas ao longo da N-550. Unha solicitude feita dende a bancada socialista e que o Goberno local xa ten realizada por escrito. 

Tamén se solicitou maior axilidade na expropiación de terreos próximos á rotonda da Gorita co fin de poder ampliala e facilitar así o tránsito do transporte pesado por este tramo da Rolda Leste, así como sinalizacións na zona urbana que indiquen a ubicación do Museo do Traxe Juanjo Linares.


Pola  súa banda, o BNG entre outras propostas, solicitou o mantemento e arranxo dos parques infantís das parroquias de Parada e Pereira, ademais de melloras na iluminación da escola municipal de música. Neste punto aclarouse dende o Goberno que xa se levaron a cabo cambios nas iluminarias.

*