martes, 7 de mayo de 2013

Os socialistas de Ordes insisten na necesidade de crear un código ético do concelleiro


Pedreira: “No pleno do 25 de abril defendín que o máis axeitado era que esa dimisión estivese vencellada á apertura dun xuízo oral"

"A fin de que se mantivese a unanimidade, votei a favor. Hoxe manteño ese voto por simple congruencia" 

O PSOE de Ordes votou esta mañá en contra da proposta do alcalde Manuel Regos para modificar o acordo do Pleno celebrado o pasado 25 de abril, que recolle que todos os membros da corporación municipal asumen o compromiso ético de dimitir de xeito inmediato do seu cargo de concelleiro/a se son imputados nun proceso penal por actividades relacionadas co exercicio do seu cargo. 

O voceiro socialista, Xesús Pedreira, explica que “no pleno do 25 de abril defendín que o máis axeitado era que esa dimisión estivese vencellada á apertura dun xuízo oral, pero quedei só nesta argumentación xa que o resto dos grupos municipais, incluído o Grupo de Goberno, rexeitaron esa opción. 

A fin de que se mantivese a unanimidade, votei a favor. Hoxe manteño ese voto por simple congruencia: non podemos votar unha cousa hai dez días e hoxe outra diferente, por moitos matices que se lle queiran dar”.

Código ético
Por iso, Pedreira Mirás mantén a petición realizada nesa mesma sesión plenaria de introducir un Código Ético do Concelleiro no Regulamento de Organización e Funcionamento do Concello de Ordes. O voceiro socialista considera que “se todos os grupos municipais somos quen de aprobar un código de obrigado cumprimento, que podería estar escrito antes do vindeiro pleno ordinario, teríamos estipuladas de xeito claro e preciso as causas e o procedemento a seguir no caso dunha imputación dun concelleiro”. 

*