Sospeitan que a intención do PP é facilitar o traspaso de competencias dos Concellos ás Deputacións, para despois privatizar os servizos públicos
Pedreira: "No caso de Ordes, isto vai provocar a desaparición do Centro de Información á Muller"
O PSOE de Ordes alertou hoxe de que o anteproxecto de
lei de reforma local que está a preparar o Goberno usurpa aos Concellos as
competencias en materia de igualdade.
Por iso, o grupo municipal socialista de Ordes
presentará unha moción na vindeira sesión plenaria para que o Pleno municipal
defenda as competencias locais en materia de igualdade de xénero, de prevención
e asistencia integral ás vítimas e de garantir os dereitos da mulleres.
De saír adiante este anteproxecto de lei, Ordes
perdería un servizo tan eficaz e importante como o que presta o Centro de
Información á Muller (CIM), xestionado actualmente a través da Mancomunidade de
Ordes.
Un centro que, ademais de prestar unha atención específica e profesional
ás vítimas de violencia, tamén realiza importantes tarefas a prol da muller en
Ordes.
Non suporá aforro
Os socialistas lamentan especialmente que esta
reforma non suporá un aforro para as arcas públicas nin evitará duplicidades
entre administracións.
Os socialistas sospeitan que a intención do PP é
facilitar o traspaso de competencias dos Concellos ás Deputacións, para despois
privatizar os servizos públicos locais a través de concesións administrativas
para distintas empresas.
Por iso, os socialistas de Ordes proporán no
próximo pleno a retirada do anteproxecto e instar ao Goberno de España a abrir
un proceso de diálogo e consenso para a reforma da Lei de Bases de Réxime Local
no que estean presentes todos os grupos parlamentarios, os sindicatos, a FEGAMP
e a FEMP.
Xesús Pedreira (PSdG-PSOE). |
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“No caso de Ordes, isto vai provocar a desaparición do Centro de Información á Muller, que presta unha atención integral á muller e en especial ás vítimas de violencia de xénero, e dos programas de emprego feminino e de conciliación da vida laboral e familiar, como poden ser os de coidado da terceira idade ou de dependentes”
“A proposta do PP supón un paso atrás sen precedentes na implementación de políticas de igualdade e contra a violencia de xénero, ademais de limitar a autonomía local para responder ás demandas dos veciños”
“Este anteproxecto é un ataque frontal ás políticas de igualdade de xénero, que no caso de Ordes terá unha maior incidencia debido ao desemprego xerado polo sector téxtil, pois suporá que non se poderán poñer en marcha programas de fomento do emprego neste colectivo”
*