martes, 7 de mayo de 2013

O Goberno municipal pedirá a dimisión de concelleiros “no caso de que sexan chamados a xuizo oral”

O grupo de Goberno de UxO, esta mañá durante o pleno.

A proposta de UxO de modificación da moción nacionalista non prospera no pleno da Corporación

O Concello de Ordes rexeitou esta mañá en pleno extraordinario a proposta da Alcaldía mediante a cal os seus concelleiros “asumirían o compromiso ético de dimitir no caso de ser chamados a xuízo oral nun proceso penal por actividades relacionadas co seu cargo con acusación por delito”.  

Dito punto suporía a modificación do acadado no pasado pleno celebrado o 25 de abril, polo que calquera membro da Corporación debería de dimitir simplemente polo feito de estar imputado. O resultado final foi de sete votos a favor por parte do equipo de goberno ante os oito en contra do PP, PSOE e CidGA.

Tal e como se especifica no texto presentado hoxe a medida “podería levar consigo un prexuizo xeral á cidadanía que apostou directamente por algún concelleiro e o elexiu democráticamente, limitando a participación política garantida constitucionalmente

Ademais para a maioría da cidadanía tal dimisión sería tomada como unha confesión de culpabilidade. Sinalar tamén que unha vez adoptado o acordo de  dimisión este non pode ser revocado”. 

Taxa do cemiterio
Na sesión de hoxe decidiuse por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal número 14 reguladora da taxa do cemiterio municipal de cara á próxima construción dunha nova mazán. Así as novas cuantías ascenden a preto de 950 euros no caso dos nichos e de 3.700 euros para os panteóns. 

Tamén de xeito unánime acordouse a agrupación do Concello de Ordes cos de Oroso, Frades e Trazo para a xestión compartida do proxecto de mellora de eficiencia enerxética e iluminación pública. 

Mediante este acordo posibilítase a solicitude dunha subvencion da Xunta de Galicia por un importe de 60.000 euros, que no caso de Ordes investiríanse nas rúas Coruña, Recreo, Reverencia e Vista Alegre.

POS 2013
Outro punto que acadou o consenso de todas as forzas políticas foi a modificación do proxécto técnico do POS 2013 en relación co Camiño Cabeza de Castro e co Camiño do Castro a Igrexa, nas parroquias de Ardemil e Leira respectivamente. 

En ditos viais procederase a aplicar unha capa de zahorra en vez de conglomerado tal e como se reflexaba no proxecto inicial. 

Servizos sociais
Do mesmo xeito acordouse a ratificación da prestación de mancomunada de servicios sociais básicos, pasando cada municipio a xestionalos individualmente co fin de poder adherirse ao Plan de Convenios de Servizos Sociais da Deputación da Coruña para poboacións de menos de 20.000 habitantes. 

Esta medida xa foi onte tamén aprobada polo pleno da Mancomunidade, que solicitará unha subvención por un importe total de 122.000 euros.

*