viernes, 3 de mayo de 2013

Castro: "O alcalde quere modificar o acordo polo que os concelleiros imputados se comprometerían a dimitir"


O BNG de Ordes asegura que “a intención do alcalde de revocalo e modificalo é  a confirmación de que mentiu cando dixo que tiña a conciencia tranquila”

O BNG de Ordes anunciou hoxe que o alcalde convocou un pleno extraordinario ás 08:00 da mañá do martes 7 de maio, intentando evitar a asistencia de público e aproveitando que ainda non tomaron posesión os dous novos concelleiros do BNG.

O ex portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, que promoveu este acordo hai unha semana no seu último pleno como portavoz do BNG na Corporación, afirmou que “a intención do alcalde de revocalo e modificalo é  a confirmación de que mentiu cando dixo que tiña a conciencia tranquila”.

O alcalde, segundo os nacionalistas, propón eliminar o compromiso de dimitir dos concelleiros da Corporación Municipal son imputados por feitos relacionados co exercicio do seu cargo, e limitalo só ao caso de que se abra xuizo oral contra eles.

Que significa ser imputado
Castro lembrou que a lexislación penal define que imputado é aquela persoa á que se atribue xudicialmente a participación nun delicto, e salientou que “resulta lamentábel que para o alcalde isto non constitua motivo suficiente para asumir responsabilidades políticas cando o delicto imputado teña que ver coas actividades propias do seu cargo”. 

Gonzalo Castro salientou que “a ninguén lle pode extrañar que exista desconfianza e desafección cara a política por parte da cidadanía, cando se é incapaz de asumir un compromiso básico coa ética e a honestidade”

Castro afirmou que “despois desta proposta da alcaldía a ningún veciño de Ordes lle sorprenderá que nos poidamos atopar nun futuro próximo con imputacións de concelleiros do goberno, a actitude do alcalde acaba de poñer baixo sospeita a xestión do seu goberno”.
*