Os populares defenderán no
Pleno que o Concello reclame á empresa titular un peche perimetral efectivo e indemnizacións
para os afectados
José Manuel
Gestal: “Como sempre, o Concello de Ordes non se entera porque o alcalde non se
atreve a pisar as aldeas por temor aos reproches dos veciños”
O Partido Popular de Ordes informou hoxe do incremento
descontrolado da poboación de xabarís que se reproducen e refuxian na zona
boscosa da antiga escombreira da central térmica de Meirama. Segundo denuncian os populares, este incremento estase a traducir
en constantes e custosos danos nos cultivos das aldeas próximas, a maior parte
delas pertencentes a Ordes.
Tempo atrás,
a citada escombreira foi obxecto dunha restauración ambiental mediante
repoboación forestal e agora constitúe unha zona de refuxio para animais
salvaxes que, no caso dos porcos bravos, causan serios danos nas aldeas
próximas.
Peche perimetral e outras propostas
Para poñer coto a esta situación, o Partido Popular de
Ordes presentará no próximo pleno ordinario municipal unha moción para instar
ao Concello a dirixirse á empresa titular da escombreira para esixirlle que
revise o peche perimetral dese espazo e zonas adxacentes para evitar que os
xabarís que crían e se agochan na área boscosa podan invadir e danar o contorno.
O Partido Popular pide tamén que no marco da normativa
vixente se execute un programa efectivo de control das poboacións de xabaril na
escombreira e nas áreas anexas propiedade da referida empresa, como o contorno
da depuradora ou a superficie forestal situada augas abaixo do encoro de San Cosmade.
A terceira das proposta do Partido Popular pretende que a
empresa titular da escombreira que causa parte do problema habilite unha
partida económica para indemnizar aos afectados polos danos ocasionados polos
xabarís na área de influencia.
Paralelamente, o PP de Ordes trasladou xa esta situación á Consellería de Medio Ambiente para que se axilice a concesión de permisos para a realización de batidas de xabaril por parte dos cazadores da zona.
José Manuel Gestal (PP). |
As frases de José Manuel Gestal, concelleiro do PP de Ordes
"Os maiores danos provocados polos xabarís procedentes da
escombreira da central térmica se rexistran nas aldeas máis próximas, como As
Raposeiras, Orellán, Porta do Nó, Tirás, O Castro, Meitufe, A Espiñeira, A
Bailía, Vilasenín ou Pepín, se ben en ocasións, os animais se desprazan a
puntos máis alonxados"
"Os danos dos porcos bravos se suceden a cotío en cultivos
(millo, patacas, horta,…) pero tamén en fincas dedicadas a pasto e á produción
de forraxe, ante a impotencia e o crecente enfado dos afectados, que teñen que
asumir en exclusiva as perdas económicas derivadas dos danos as súas colleitas"
“Como sempre, o Concello de Ordes non se entera porque o alcalde
non se atreve a pisar as aldeas por temor aos reproches dos veciños”.