sábado, 11 de mayo de 2013

O PP de Ordes denuncia que o depósito de Merelle leva tres anos parado por un erro do Concello

Depósito de auga de Merelle.


Martínez Sanjurjo: "“Só a un alcalde con acreditadas dificultades para a planificación se lle podía ocorrer construír un depósito de auga sen ter garantida a reserva de espazo para as tuberías de conexión”

O PP de Ordes denunciou hoxe que preto de tres anos despois de rematar as obras de construción do novo depósito de auga potable en Merelle, continúa sen entrar en funcionamento "por mor dunha neglixente planificación do Goberno local".

Dende o PP local aseguran que o Concello de Ordes esqueceuse de mercar os terreos necesarios para conectar o novo depósito á rede de captación e subministración, polo que, a día de hoxe, e tras un investimento de 182.000 euros, o novo equipamento continúa sen uso algún.

O Partido Popular de Ordes enmarca o sucedido co novo depósito de auga potable na "mala praxis habitual que caracteriza a planificación da maior parte das obras emprendidas polo Concello ao longo dos últimos seis anos", dos que recorda tres exemplos: a ampliación da Alameda presenta fendas e filtracións de augas; a rehabilitación da antiga Casa do Concello provocou danos estruturais que obrigaron ao seu baleirado absoluto; e as reparacións efectuadas en varias rúas da vila presentaron desperfectos escasos meses despois de ser rematadas.

Martínez Sanjurjo (PP).
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz do PP de Ordes
"A deixadez do Goberno local en relación con este asunto contrasta cos problemas no abastecemento de auga potable que presenta Ordes en determinadas épocas do ano"

"A insuficiente capacidade de almacenamento dos antigos depósitos provoca trastornos tanto no inverno, cando as enchentes do río no que se ubica a captación e a ETAP se traducen en augas turbias nas billas, dado que os alxibes carecen de capacidade de almacenamento suficiente para salvar eses problemas puntuais; como no verán, cando descende o caudal do curso fluvial"

“Só a un alcalde con acreditadas dificultades para a planificación se lle podía ocorrer construír un depósito de auga sen ter garantida a reserva de espazo para as tuberías de conexión”

*