Tamén exixirán que se tomen medidas para preservas as pistas das concentracións parcelarias
O PSOE de Ordes pediralle ao Concello que cumpra
coa Ordenanza sobre Plantacións e Repoboacións Forestais para garantir a
conservación da rede viaria municipal.
Os socialista piden que o Concello de Ordes cumpra
coa súa propia normativa que, no seu artigo 8º, especifica que “a autorización
municipal para o transporte e almacenamento será obrigatoria e gratuíta.
Non
obstante, o madeirista deberá ingresar na Tesourería municipal unha fianza,
cuxa contía determinará o técnico municipal, para responder polos posibles
danos e prexuízos na rede viaria, que non será devolta ata que se comprobe que
non se causaron danos ou prexuízos ás vías públicas municipais”. O seu voceiro, Xesús Pedreira Mirás
esixe “que se leve á práctica esta ordenanza que están a cumprir os madeiristas
noutros concellos con toda a normalidade”.
“Vendo o deterioro das pistas de concentración parcelaria, sobro todo no inverno, é necesario que o Concello tome medidas para preservalas e obrigue aos madeiristas a ingresar na Tesourería municipal unha fianza para a retirada da madeira”, apunta Pedreira.
Código ético e Rexistros Civís
Na sesión plenaria deste xoves, os socialistas
pediranlle tamén ao alcalde, Manuel Regos, que fixe as datas para a primeira
xuntanza da comisión para a redacción do Código Ético do Concelleiro, aprobada
na última sesión extraordinaria celebrada a principios de xullo. Así mesmo, os
socialistas pedirán que ao remate de 2013 se cambie a ordenanza fiscal
municipal para que os automóbiles de máis de 25 anos estean exentos de aboar
taxa municipal algunha.
No turno de mocións, os socialistas presentarán
unha para expresar o total rexeitamento ao borrador de Anteproxecto de Lei de
Reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e do Rexistro Civil. O PSOE pedirá
que se inste á Xunta de Galicia a pedirlle ao Goberno o mantemento dos Xulgados
de Paz e que se doten dos medios axeitados, así como que se garanta a
gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís.
“O Goberno pretende que sexan os Rexistradores da Propiedade os que desempeñen as funcións dos Rexistros Civís. Iso suporía que servizos ata o de agora gratuítos como pedir un certificado de nacemento ou de defunción, obrigatorios en moitos trámites e dos que a cidadanía fai uso a cotío, pasen a ser de pago”, denuncia Xesús Pedreira.
Igualdade de xénero
Por último, o PSOE de Ordes presentará unha moción
para que o Pleno municipal defenda as competencias locais en materia de
igualdade de xénero, de prevención e asistencia integral ás vítimas e de
garantir os dereitos da mulleres.
“No caso de Ordes, isto vai provocar a
desaparición do Centro de Información á Muller, que presta unha atención
integral á muller e en especial ás vítimas de violencia de xénero, e dos
programas de emprego feminino e de conciliación da vida laboral e familiar,
como poden ser os de coidado da terceira idade ou de dependentes”, denuncia o
voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira.