O PP de Ordes informa de que a recente
revisión dos valores catastrais de Ordes, efectuada por petición do propio Concello,
provocou unha "suba inasumible" do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para moitos dos contribuíntes. O Partido Popular atende estes días as" queixas de infinidade de
propietarios afectados", que están a recibir recibos con "cifras inasumibles para
economías modestas", nalgúns casos con todos ou varios membros da unidade
familiar en paro e con ingresos que non superan os 400 euros.
Así, o PP local, "ante as
dúbidas suscitadas entre os veciños, e as falsidades vertidas desde o Concello
para tratar de xustificar, mediante enganos, os importes postos ao cobro, o Partido
Popular de Ordes aclara que esta sua ten a súa razón de ser na recente
revisión catastral, solicitada unilateralmente polo Goberno local". O feito de
que esta revisión implique, en moitos casos, o incremento da base liquidable,
tradúcese tamén na obriga de pagar os atrasos correspondentes en ata catro
anualidades, segundo os populares.
Pagamento
Así, a suma
destes dous factores –revisión catastral e actualización da base liquidable-
provoca que algunhas familias de Ordes sexan incapaces de facer fronte ao
pagamento requerido. É o caso dunha familia, con todos os seus membros no paro
e so uns ingresos mensuais de 400 euros, á que lle reclaman case 1.000 euros,
ou o de outra, que cos atrasos de 4 exercicios, que deberá pagar arredor de
3.000 euros de IBI este outono.
Neste
escenario, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez
Sanjurjo, insta ao Concello a habilitar os mecanismos necesarios para minimizar
o impacto da subida do IBI sobre as economías familiares.
Martínez Sanjurjo, do PP de Ordes. |
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"O sensato sería que, en lugar de ter ordenado a revisión
catastral, o Concello de Ordes aplicase un plan de axuste recortando en gastos
innecesarios, como as dietas de 190 euros que percibe cada concelleiro de Regos
por asistir ás Xuntas de Goberno local, ou as dos plenos e comisións, como
solicitou o PP recentemente"
"Poderíanse
recortar tamén os gastos en cartelería, en festas, en vehículos oficiais, sobre
os que non existe control algún e mesmo utilizan persoas alleas ao Concello; no Museo do Traxe, e así ata completar un largo etcétera que evitaría esta suba brutal da contribución"
*