O Concello remata tamén unha serie de obras e arranxos previos a comezo do curso nos CEIP Castelao, Campomaior e Mesón do Vento
Silvia Marín: "Se a FEGAMP non está disposta a axudar aos concellos, non poderemos asumir traballos de conservación, limpeza e conserxería"
Un total de
1.020 alumnos de educación infantil e primaria iniciaron hoxe un novo curso
académico en Ordes, incrementándose nun total de 46 con respecto o pasado curso. O centro que acollerá un maior
número de alumnos nesta ocasión será o CEIP Castelao con 506, seguido do CEIP
Campomaior con 362 e do CEIP Mesón do Vento con 104.
Pola outra banda, as escolas unitarias ubicadas nas parroquias de
Santa Cruz de Montaos, Buscás, Beán, Parada e Merelle acollerán un total de 47
nenos e nenas, nove máis co ano pasado. Por incremento de matriculacións o
primeiro lugar ocúpao o CEIP Campomaior, con 19 alumnos máis, mentres que os
centros Castelao e Mesón do Vento
rexistran 16 e 2 respectivamente.
Obras
En vista a este comezo do curso, o Concello de Ordes acometeu unha serie de obras e arranxos durante as pasadas semanas. Así, no CEIP Castelao construiuse unha pérgola para comunicar o inmoble que alberga as aulas co comedor e a biblioteca. A isto hai que sumar tarefas de mantemento e a construcción dun almacén no pabillón para gardar o material empregado nas clases de educación física.
No Campomaior realizáronse tarefas de mantemento e conservación de portas e da rede eléctrica, mentres que no Mesón do Vento colaborouse coa ANPA no pintado do inmoble e na automatización do portal, ademais de acometerse a construcción dun patio cuberto. No caso das escolas unitarias tamén se levaron a cabo tarefas de mantemento en cada unha delas.
Se trata duns traballos que supoñen un "investimento importante" para as arcas municipais “e que nós non estamos obrigados a realizar xa que son responsabilidade e competencia da Consellería de Educación”, lembra a concelleira de Educación, Silvia Marín. A edila insta unha vez máis ao "desenvolvemento do pacto local do que tanto fala a FEGAMP, xa que si non están dispostos a axudarnos aos concellos non poderemos asumir traballos de conservación, limpeza e conserxería”.
Tal e como ven de publicar o BOP de onte luns, este ano o Concello de Ordes investirá 20.000 euros de cara á axuda na adquisición de material escolar e transporte. No caso dos materiais o importe será de 80 euros mentres que para o transporte as cuantías oscilan entre os 75 e 150 euros. O prazo de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 11 de outubro.
Silvia Marín. |
A frase de Silvia Marín, concelleira de Educación do Concello de Ordes
“Para nós a formación e educación é
unha cuestión prioritaria dentro da nosa labor, polo que dentro das nosas posibilidades, sempre atendemos ás demandas que nos
chegan dende os centros escolares do municipio”
*