jueves, 6 de septiembre de 2012

Sanjurjo reta a Pedreira a que demostre que o PP de Ordes se opuxo á rolda leste


A esquerda, Xesús Pedreira, do PSdG-PSOE, e José Luis Martínez Sanjurjo, do PPdG.

O PP de Ordes sempre considerou "innecesaria" a ampliación, pero valoran que a Xunta autorice agora unha partida para evitar que acabe derrubándose

Os populares recórdanlle ao socialista que o PSOE pasou de tres a un concelleiro nas eleccións locais "por actuar sempre con mentiras e medias verdades"


O Partido Popular retou hoxe ao concelleiro socialista Xesús Pedreira a que presente algunha das "hipotéticas mocións populares" ás que aludíu onte en declaracións escritas acusando ao PP de Ordes de ir en contra da rolda leste da vila.  

O Partido Popular advirte así ao socialista que "as mentiras, falsidades, medias verdades e a estratexia de 'falabarato' que seguiu nos últimos tempos o PSOE de Ordes foron castigados con severidade polos veciños nas últimas eleccións municipais".

O Partido Popular de Ordes reitera así, "punto por punto" todos os argumentos esgrimidos ao valorar que "a Xunta do PP" se implique no financiamento do arranxo dos danos estruturais que presenta a antiga Casa do Concello de Ordes. Danos que os populares atribúen a unhas obras "mal plantexadas" polo actual Goberno municipal.

"Asinase quen asinase o convenio inicial, -aseguran dende o PP de Ordes-,o certo é que a obra se rematará logo da autorización da Xunta actual, dado que a alternativa sería deixar que o edificio, actualmente apuntalado, acabase derrubándose".

Tamén o Partido Popular recoñece que sempre considerou as obras de ampliación da Casa do Concello como "innecesarias" e que Ordes tiña "outras prioridades". De feito, sempre segundo o PP local, "se non se tivesen acometido, non sería precisa a actuación actual para evitar que o edificio caia".

Ronda leste 
Respecto á ronda leste, aseguran os populares de Ordes que foi tamén "a Xunta do Partido Popular a que pagou a totalidade das obras". E iso a pesares da "mala fe coa que actuou e as falsidades que propagou o concelleiro socialista de Ordes, que tratou de culpar ao Executivo galego de problemas que tiñan a súa orixe no propio Concello, ao que semella sempre interesado en defender". 

Nese particular os populares consideran que "non estaría de máis" que Xesús Pedreira explique agora as razóns do seu xeito de actuar, "sempre en defensa dun Goberno local do que non forma parte, pero ao que apoia cando é necesario". Os populares especulan coa "esperanza" que alberga o socialista de integrarse no grupo de Goberno "antes de que finalice a actual lexislatura municipal".


*