Ordes terá sitio para os seus emprededores na primeira planta da praza de abastos
O Pleno da corporación municipal do Concello de Ordes imposibilitou este pasado venres cos votos en contra do PP e a abstención do grupo de Goberno municipal de UxO a proposta consensuada entre o PSdG-PSOE e o BNG de que o Concello de Ordes estudiase se era posible aboar a paga extra dos funcionarios, respectando en todo momento a legalidade vixente. Gonzalo Castro, portavoz do BNG afirmou que “con esta actitude, UxO e PP avalan unha medida inxusta, a eliminación da paga extra, que afectará negativamente ao consumo e a sectores estratéxicos do noso Concello, como o comercial ou o hosteleiro”.
Pola contra, si prosperou a moción dos socialistas ordenses de crear un Centro Municipal de Emprendemento (CME), que se ubicará na primeira planta da praza de abastos e ao que terán acceso todos aqueles emprendedores locais cun proxecto ou idea viable.
A previsión dos socialistas é que aló se poidan colocar entre oito e dez oficinas, dotadas dos servizos comúns máis necesarios (internet, teléfono, fax, fotocopiadoras, etc) e cun servizo de asesoramento xurídico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.
Camiño Inglés
Outras decisións adoptadas no Pleno foron a de elaborar dípticos ou trípticos informativos sobre o Camiño Inglés ao seu paso polo municipio ordense. Unha iniciativa tamén dos socialistas de Ordes que pretende informar aos peregrinos da riqueza natural e cultural de Poulo e Buscás, así como tamén no Mesón do Vento, na Vila de Ordes e en Santa Cruz de Montaos, así como da oferta hostaleira e comercial que teñen á súa disposición.
O portavoz socialista, Xesús Pedreira, sinalou que “o Camiño Inglés pode ser un elemento de dinamización económica para o sector hostaleiro e comercial de Ordes”.
CEIP Castelao
Tamén o Pleno apoiou por
unanimidade a moción dos nacionalistas para instar á Xunta de Galicia a que a que dote de medios materiais e humanos aos
centros educativos de Ordes. Castro afirmou que esta
iniciativa “trata de evitar que se
repitan situacións como a vivida nunha aula de infantil do CEIP Castelao, onde
os pais e nais tiveron que facer xestións para reclamar unha solución inmediata
á ausencia dun titor para esa aula". Ademáis desta
situación, o portavoz nacionalista denunciou que “a aula de infantil foi enviada inicialmente a unha habitación que non
cumpría cos requisitos necesarios para aloxar a quince nenos”.
Finalmente, os socialistas incluíron unha emenda
na moción nacionalista para instar ao Goberno de
España a anular as subas do tipo impositivo de IVE no material escolar.
Así
mesmo, os socialistas tamén pediron que instaran á Xunta de Galicia a que
inclúa nos seus próximos orzamentos unha partida para a creación dun programa
de axudas á adquisición de material escolar. Un programa que estaría dirixido
ás familias con rendas máis baixas ou cos seus membros no paro.
*