Xesús Pedreira, durante o mitin de presentación da súa candidatura como alcalde de Ordes, en abril do 2011. |
"O nerviosismo de Martínez Sanjurjo é o propio dalguén que sabe que Feijóo vai perder as eleccións", asegura o concelleiro socialista
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira,
insistiu hoxe en que o Partido Popular de Ordes segue a tratar de atribuirse obras outorgadas
pola Xunta bipartita porque son plenamente conscientes de que, despois da
marxinación de Ordes por parte do PP, non poden presentar ningunha obra propia.
Pedreira considera que a reacción do voceiro dos populares amosa “o nerviosismo
dun partido e dalguén que sabe que Feijoo vai perder as eleccións” e pídelle
“un exercicio de memoria, pois se Martínez Sanjurjo falara cos seus antecesores
comprobaría que o PP de Ordes puxo todas as trabas posibles á construción da
rolda leste”.
Neste sentido, Pedreira Mirás lémbralle a Martínez Sanjurjo os debates
plenarios celebrados despois da sinatura do convenio da rolda leste, nos que o
PP apoiaba o cambio do trazado da rolda e mesmo propuña que o Concello de Ordes
renunciase a este investimento baixo a hipotética promesa de asinar outro
convenio.
“O tempo deunos a razón cando diciamos que o PP de Ordes só buscaba
aforrarlle os cartos á Xunta do seu partido, aínda a costa dos intereses e
necesidades dos veciños de Ordes, pois o recurte de investimentos nesta lexislatura
foi brutal”, conclúe o concelleiro socialista.
Responsable da construcción
Sobre a cuestión de quen é o responsable da construcción da rolda leste ou
do novo concello, Pedreira lembra que os convenios foron asinados baixo a Xunta
do bipartito por consellerías presididas por conselleiros socialistas. “A Xunta
presidida por Emilio Pérez Touriño amosou o seu compromiso con Ordes facendo
investimentos e deixando asinados convenios por máis de trece millóns de euros.
Convenios que o PP non tivo máis remedio que cumprir xa que o compromiso
adquíreo a Xunta, non o Partido Popular. A Xunta de Feijoo limitouse a cumprir
coas obrigas comprometidas polos socialistas e non fixo ningún outro tipo de
mellora para os veciños e veciñas de Ordes”, explica Pedreira.
O concelleiro socialista non entende a lóxica utilizada por Martínez
Sanjurjo, “que lle atribúe ao PP todo o bo dunha obra e culpa aos demais do que
non lle gusta. Non é serio, sobre todo cando todos os veciños lembran os
retrasos nas obras que se produciron, esta vez sí, baixo o mandato de Núñez
Feijoo”.
Finalmente, Xesús Pedreira asegura que non vai a entrar no xogo de
descalificacións persoais iniciado polo voceiro do PP xa que “nestes casos é
cando cadaquén demostra a súa verdadeira responsabilidade e os veciños de Ordes
están a ver agora a verdadeira cara do voceiro popular”.
*