martes, 25 de septiembre de 2012

Castro: "A empresa adxudicataria da gardería municipal contratou á muller dun concelleiro do Goberno de Ordes"

O portavoz do BNG anunciou que “esixirá explicacións ao alcalde no Pleno do próximo xoves, polo que consideramos un escándalo que fai sospeitar da existencia dun caso de nepotismo”

Gonzalo Castro Prado.
Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, manifestou esta mañá que Sermasa, “a empresa adxudicataria da Escola Infantil, que está a ser investigada xudicialmente na operación Pokémon, contratou á muller do concelleiro de cultura do Goberno presidido por Manuel Regos, para facer labores de cociña na Escola Infantil”.

O portavoz do BNG afirmou que “a empresa adxudicataria deste servizo municipal botou á persoa que estaba a facer o traballo de cociña na escola, contratando no seu lugar case inmediatamente á muller dun concelleiro do goberno de UxO”.

Explicacións do alcalde
Castro anunciou que o seu grupo político “esixirá explicacións ao alcalde no Pleno do próximo xoves, polo que consideramos un escándalo que fai sospeitar da existencia dun caso de nepotismo no noso Concello”.

*