Arriba, estado actual da entrada á AP-9 en Ordes coa instalación dos bolardos que impiden aparcar aos laterais. Abaixo, antes da súa instalación con coches aparcados aos seus laterais. |
Martínez Sanjurjo alerta de que agora, a única posibilidade é aparcar dentro, pagando o traxecto
Martínez Sanjurjo: "A dilixencia coa que a concesionaria instalou os bolardos contrasta coa deixadez coa que actuou noutros momentos provocando trastornos que perduran na memoria colectiva"
O grupo municipal do Partido Popular de Ordes defenderá no
vindeiro pleno municipal unha moción para instar a Audasa, empresa titular da
Autoestrada do Atlántico (AP-9), a habilitar un espazo de estacionamento gratuíto ao
carón da peaxe de Ordes, tratando de facilitar así que algúns usuarios poidan
compartir vehículo a partir dese punto, co correspondente aforro de combustible
e de tarifas.
Desde hai tempo, numerosos
usuarios da AP-9 viñan utilizando o acceso exterior
da peaxe de Ordes para estacionar os seus vehículos.
Bolardos que impiden estacionar
Sen embargo, en datas recentes,
as marxes laterais do acceso á peaxe de Ordes foron delimitadas con bolardos
que impiden o estacionamento de vehículos e provocan graves trastornos aos
usuarios que, tradicionalmente, compartían vehículo e aforro desde ese lugar.
O Partido Popular tamén ten
constancia de que cando algún usuario solicitou poder estacionar nas
inmediacións, se lle informou que a única posibilidade sería entrar na peaxe,
obrigándoo, dese xeito, a efectuar un traxecto, co conseguinte desembolso
económico e perda de tempo.
O grupo municipal que lidera José Luis Martínez
Sanjurjo entende que ese estacionamento debe ofrecerse de balde e sen
limitacións temporais, dado que, pola súa localización, lonxe das áreas habitadas,
non é susceptible de ser utilizado de maneira habitual por persoas que non
sexan usuarias da autoestrada.
Na mesma liña, o PP de Ordes
insta ao Concello a estremar a vixilancia para que a empresa titular da AP-9 cumpra coa legalidade e asuma as obrigas que ten recoñecidas, tanto
cos usuarios, como co entorno polo que discorre.
Martínez Sanjurjo. |
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes
"A dilixencia coa que a concesionaria da autoestrada instalou os bolardos na peaxe de Ordes e a rapidez coa que aplica a suba das súas tarifas contrasta coa deixadez coa que esta mesma empresa actuou noutros momentos, provocando trastornos que aínda persisten na memoria colectiva: atascos quilométricos na peaxe sen erguer a barreira, mantemento deficiente da vía, inoperancia para facer fronte a episodios meteorolóxicos adversos previsibles, etc."
*