miércoles, 12 de septiembre de 2012

O ximnasio municipal reabre as súas portas con novas salas de musculación e cardiovascular


Vista da nova sala cardiovascular do ximnasio municipal de Ordes, ubicado no paseo Iván Raña. 
As salas serán ampliadas noutros 130 m2 nos que se instalarán novas máquinas

O Concello de Ordes ultima esta semana os traballos de ampliación e remodelación do ximnasio municipal situado no Paseo Iván Raña. Con estas actuacións, aténdense así ás múltiples suxestións plantexadas polos usuarios destas instalacións, que demandaban un espazo máis amplo para poder utilizar tanto as máquinas de pesas como as de cardiovascular. Tras esta intervención, que estará rematada em cuestión de días, o ximnasio contará con outros 130 metros cuadrados para uso e desfrute dos seus socios.

As obras levadas a cabo supuseron a transformación dunha zona axardinada en sala de musculación. Para elo leváronse a cabo traballos de excavación, construcción e pintado de soleiras de formigón; instalación de vigas de arrastre, estructuras metálicas, paredes e cubertas, falsos teitos e ventanais de cristal e aluminio, ademais da colocación de canelóns e baixadas. 

Subvencións e horarios
Ditas obras están incluidas no POS 2012 e contan cunha subvención de 55.600 euros. Pola súa banda o Concello de Ordes xa ten preparadas as máquinas de musculación, mancuernas e demais equipamento para dotar dun mellor servizo a estas instalacións.

Actualmente, estas instalacións están abertas en horario de 08:00 a 23:00 horas de luns a sábado e de 10:30 a 14:00 horas os domingos. Ademais do ximnasio e da piscina climatizada o centro ofrece as actividades de aeróbic, step, zumba, high fit, tonificación, cardi-box, aero-step, interval, aquagym, stretching e aeróbic infantil. Unhas clases nas que poden participar xentes de todas as idades e para as que se ofrecen abonos de distintos tipos que  podem supoñer un aforro de ata o 50%.