Segundo os populares, construír un establo de 500
m2 implica pagar unha taxa de máis de 2.500 euros ao Concello
Martínez Sanjurjo: "Atravesamos un momento
difícil e o Concello debe poñerse ao carón dos seus veciños, axudando aos nosos labregos e gandeiros"
O Partido Popular de Ordes
defenderá no vindeiro Pleno unha moción para instar ao Concello a rebaixar nun
75 % as taxas que cobra aos agricultores e gandeiros que pretendan efectuar
algunha obra de reforma ou ampliación das súas explotacións, dado que o elevado
importe dese imposto fai que gran parte dos afectados desistan de acometer
estes traballos ou teñan serias dificultades para facer fronte a ese gravame.
A modo de exemplo, o PP apunta que coa actual ordenanza
en vigor, modificada en decembro de 2010, construír un establo de 500 metros
cadrados supón pagar ao Concello de Ordes unha taxa de mais de 2.500 euros, e reformar un alpendre de 300 metros cadrados implica aboar unha
taxa de 830 euros ao Concello.
Outras bonificacións
Para superar esta limitación á
modernización do sector primario, o Partido Popular pretende que o Concello
modifique a súa Ordenanza Fiscal Número 4, reguladora do imposto sobre construccións,
instalacións e obras, introducindo unha bonificación do 75% sobre as obras,
construccións e instalacións de carácter agrícola e gandeiro en beneficio de
quen acredite ser profesional de un destes sectores.
Na actualidade xa están
contempladas bonificacións especificas para o incorporación de sistemas de
aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar e para as reformas no
interior das vivendas para adecualas á discapacidade das persoas. Este feito
demostra que, se o Concello quere, pódese aplicar unha rebaixa neste imposto.
O Partido Popular agarda que o
resto das formacións que integran a Corporación de Ordes apoien esta proposta,
encamiñada a axudar ao sector primario, de gran importancia no Concello, e que
está atravesando unha intensa crise derivada da falta de rendibilidade das
explotacións. Así, dende o pp aseguran que co prezo do leite nos niveis de hai 20 anos e cun incremento dos
custes de producción (pensos, abonos, combustibles, …) situado en arredor dun
60%, moitas granxas teñen serias dificultades de supervivencia.
Segundo datos do IGE correspondentes ao ano 2009, Ordes contaba entón con 841 explotacións agrarias.
José Luis Martínez Sanjurjo. |
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“Nun momento de tantas
dificultades, os valentes que se arriscan a reformar ou ampliar as instalacións
das súas explotacións atópanse cunha dificultade engadida: o elevado custe e
moitas veces inasumible da licenza de obras que lles aplica o Concello de Ordes”
“Atravesamos un momento difícil
e o Concello de Ordes debe poñerse ao carón dos seus veciños, axudando, neste caso, aos
nosos labregos e gandeiros para que podan mellorar as súas explotacións”
*