Momento do Pleno extraordinario do Concello de Ordes celebrado na mañá do venres 21 de setembro. |
O pleno aproba a modificación dos seus horarios, o arranxo da rúa Galicia e a renovación do alumeado nas rúas Nova e Lagartos
O pleno extraordinario da corporación municipal do Concello de Ordes celebrado na mañá do pasado venres acordou levar a cabo varias obras e
intervencións incluídas dentro do DTC 94 da Deputación provincial. Un plan que
no caso de Ordes tradúcese nun investimento de 327.000 euros que se destinarán
no ámbito da vila, “reservándose o seguinte POS para as parroquias” tal e como
especificou o alcalde, Manuel Regos.
Entre as máis destacadas figuran o arranxo da rúa
Galicia, así como a renovación do alumeado público neste mesmo vial e nas rúas
Lagartos e Nova. Unhas obras, estas últimas, que comezarán a executarse no mes
de novembro e que espérase estén rematadas antes de finalizar o ano. Tanto os grupos municipais do PP
como do BNG abstivéronse nunha votación que saiu adiante cos votos ds grupos de UxO, PSdG-PSOE
e CideGa.
Horario da piscina
Outro dos puntos da orde do día facía referencia á modificación do
horario da piscina climatizada, que pechará de 14:00 a 16:00 horas, “o que suporá
un aforro de máis de 12.000 euros que se poderán destinar a becas sociais”
tal e como informou a voceira municipal, Silvia Marín. Un aforro que o equipo de
Goberno local espera que sexa un atractivo engadido para as empresas que
queiran optar á xestión das instalacións.
“Unhas instalacións que son unha
preferencia para este Goberno, tal e como se entende despois das obras de
ampliación e remodelación do ximnasio ubicado no mesmo inmoble e que se acaban
de realizar”. Marín lembrou “que a situación económica e os tempos cambiaron e
temos que adaptarnos ás circunstancias e priorizar aqueles horarios nos que vai
máis xente, como é a primeira hora da mañá e última da tarde”.
Pola súa parte, Gonzalo
Castro (BNG) manifestou a “rotunda oposición" do seu grupo á redución de horarios da piscina
climatizada, "xa que constitue o primeiro paso para a eliminación de actividades
e o despedimento de traballadores nesta instalación municipal”. O
portavoz nacionalista afirmou que “a piscina leva anos sen estabilidade na súa
xestión debido á incapacidade do alcalde que non foi quen de sacar adiante a
xestión directa por parte do Concello, e nin tan sequera unha concesión do
servizo estábel e en condicións óptimas para os usuarios”.
Dende
o grupo de Goberno aseguran “que se manterán todos os postos de traballo”. Unha demanda
que tamén plantexou o PSOE, quen ademais reclamou un trato preferencial para os
veciños e veciñas do municipio “si é que o Concello vai correr cos gastos, ou
ben plantexar a súa comarcalización”. Xesús Pedreira tamén solicitiu que se
quite a concesión á empresa que a está xestionando “o antes posible”.
Finalmente a proposta saiu adiante cos votos a favor de UxO, PSdG-PSOE e CideGa,
mentres que PP e BNG votaron en contra.
Praza de abastos
Na sesión do venres tamén acordouse valorar a actividade daqueles que
dende hai anos rexentan postos na praza de abastos de cara á próxima
adxudicación, “xa que foron eles quenes ata o de agora mantiveron com vida este
espazo comercial”, tal e como ratificaron todos os grupos políticos.
Recentemente o alcalde mantivo unha xuntanza con eles na que se lles confirmou
que se mantería o compromiso acadado coas restantes formacións no referente ó
futuro da súa actividade dentro do recinto.
Neste sentido, a abstención do PP e
a negativa do BNG non bastaron para botar por terra un recurso presentado por
unha das comerciantes que se negaba a pagar as tasas, tal e como se explicitaba
nun informe emitido por Intervención.
Conta xeral 2011
Un dos momentos quentes do Pleno tivo lugar coa retirada da orde do día o punto relativo á aprobación da Conta Xeral de
2011, que xa fora rexeitada na sesión do Pleno extraordinario de agosto. Unha medida moi criticada por PP e BNG. Gonzalo
Castro emprazou ao alcalde “a non marear a perdiz e remitir ao Tribunal de
Contas a liquidación da Conta Xeral do ano 2011, co reparo do Pleno Municipal”. O
portavoz municipal do BNG enfatizou que “se tan seguro está do contido destas
contas e do inxustificado do rexeitamento polo Pleno, non sei porque non a
remite ao Tribunal de Contas”.
*