martes, 25 de septiembre de 2012

O Pleno de Ordes aproba as contas xerais do 2011

Bancada do Goberno municipal, esta mañá durante a celebración do Pleno; ao fondo, parte do grupo municipal popular.
Silvia Marín: "Se trata duns orzamentos mellores cos anteriores e que supoñen un avance en beneficio de todos"

Manuel Regos: "O Concello poderá optar a subvencións propostas dende a Xunta de Galicia"

O pleno extraordinario celebrado esta mañá en Ordes dou por aprobadas as contas do exercicio 2011. “Unhas contas mellores cas anteriores e que supoñen un avance en beneficio para os veciños e veciñas do municipio”, según palabras da tenente alcalde, Silvia Marín. A concelleira tamén apelou á lóxica para sacar adiante a súa aprobación “xa que durante 23 días estiveron expostas ó público e nese prazo ninguén expresou a súa disconformidade nin dixo nada en contra”.

En alusión á crítica plantexada polo BNG, na que se concreta nun millón de euros o gasto non orzamentado, a voceira do Goberno local recoñeceu que “foi preciso realizar modificacións á alza no apartado de obrigas fiscais. Un axuste que non só se tivo que facer en Ordes, senón en outros moitos municipios para poder seguir mantendo certos servizos sociais”. Un incremento que Intervención ten xustificado debido a unha serie de gastos imprevistos, tal e como puntualizou Silvia Marín. 

Oito contra sete
Grazas a aprobación conseguida cos oito votos de UXO e PSOE, fronte á negativa de BNG e PP (sete votos), “o Concello poderá optar ás subvencións propostas dende a Xunta de Galicia”, explicou o alcalde Manuel Regos. No seu turno de palabra o máximo representante municipal demandou das demais forzas políticas “un exercicio de responsabilidade de cara á veciñanza co fin de poder optar a este tipo de axudas tan importantes”. Un aspecto de relevante importancia que o interventor municipal lles explicou ós voceiros de cada grupo nunha xuntanza mantida recentemente con todos eles. 

Neste aspecto o PSOE criticou “as poucas axudas que dende a Xunta se lle están a brindar ós veciños e veciñas de Ordes, supoñendo un agravio e perxuicio para os veciños e veciñas de Ordes”.

Críticas do BNG
Pola súa parte, o portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, criticou duramente ao alcalde “por convocar reiteradamente Plenos extraordinarios en horario laboral para tratar de provocar a ausencia dalgún concelleiro e aprobar a Conta Xeral pola porta de atrás, retirando este punto da orde do día cando constataba a asistencia de todos os concelleiros, até que finalmente até que hoxe conseguiu o seu obxectivo, ao faltar ao Pleno dous concelleiros por motivos laborais”. Tamén o portavoz nacionalista preguntouse “que xestión se está a facer por parte do alcalde en Ordes se cada día aumenta máis a débeda, mentres vemos como empeoran os servizos públicos, e non se destina nin un euro á creación de emprego?, en que se está gastando esta cantidade inxente de diñeiro?”.

Na sesión de  hoxe, e de xeito unánime, tamén foron aprobados os sorteos dos membros das mesas electorais de cara ós próximos comícios autonómicos”.

*