Pedreira (PSdG-PSOE) anima aos veciños a presentar as súas propias alegacións ao proxecto de reinicio da explotación
O PSOE de Ordes ven de anunciar que presentará alegacións á solicitude de licencia municipal
para a extracción de áridos na parroquia de Leira presentada por Cementos de
Areas SL e que se atopa en fase de información pública, logo da súa publicación
no BOP
do pasado venres 31 de agosto.
A canteira coñecida como “a de Nicanor”, situada entre O Brumeiral (Leira)
e Porto (Ardemil), leva abandoada hai anos e a finais de 2011 iniciou os
trámites precisos para o reinicio da súa explotación. Un reinicio que os
socialistas ordenses consideran que podería perxudicar especialmente aos
veciños de Leira e da Vila de Ordes.
Por iso, o secretario local da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, anima aos veciños
e veciñas de Ordes “a sumarse á alegación dos socialistas ou a presentar as
súas propias alegacións ao proxecto, que estará exposto no Departamento de
Urbanismo e Aperturas do Concello de Ordes durante as próximas dúas semanas”.
Aprobada polo Pleno
Compre lembrar que o pleno municipal do Concello de Ordes celebrado en
outubro de 2011 aprobou unha moción do Partido dos Socialistas de Galicia na que se instaba ao
Concello de Ordes a facer as alegacións pertinentes diante da Xunta de Galicia
para que non se leve a cabo esta actividade extractiva e que non se concedese a
licenza municipal para o desenvolvemento desta actividade.
Unha moción que foi
aprobada coa matización, por parte do Grupo de Goberno, de que se actuaría de
acordo cos límites impostos pola lexislación.
Xesús Pedreira (PSdG-PSOE). |
As frases de Xesús Pedreira, secretario da Agrupación Socialista de Ordes
“Esta canteira linda co río Cabrón, pertencente ao LIC do Tambre da Rede Natura, e río abaixo ubícase a ETAP de captación de auga para a zona periférica e o núcleo da Vila de Ordes"
"Pensamos que reiniciar esa actividade sería perxudicial para os veciños da parroquia de Leira e, sobre todo, para a calidade da auga que consumen os veciños de Ordes”
*