Gonzalo Castro afirmou que “a redución salarial agravará aínda máis o poder de compra dos empregados públicos afectando moi negativamente ao tecido económico de Ordes”
O portavoz municipal do BNG de Ordes,
Gonzalo Castro, anunciou hoxe que o Pleno municipal do mes de setembro debatirá unha
proposta dos nacionalistas para compensar aos traballadores municipais pola
perda de poder adquisitivo.
A
moción do BNG propón que o Pleno acorde manifestar o rexeitamento da
Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13
de xullo, así como rexeitar a decisión de impor aos empregados públicos novas
perdas de poder adquisitivo, instando ao alcalde a que adopte as medidas necesarias
para atinxir ese obxectivo.
Castro
manifestou que a medida dos recortes salariais aos empregados públicos supón “unha
auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao
pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións
locais discrepan politicamente, polo ataque que supoñen a dereitos consolidados
das persoas traballadoras, ademais da súa demostrada inutilidade, como xa se
ten demostrado”.
Gonzalo Castro, do BNG de Ordes. |
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“No caso concreto do noso concello, estamos
seguros de que eliminar a paga extra aos empregados da administración municipal
é unha medida profundamente inxusta e equivocada, porque agravará aínda máis a
crise ao reducir o poder de compra dos empregados públicos o que afectará moi
negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao
tecido económico do concello de Ordes”
“O conxunto da Corporación Municipal de
Ordes debe rexeitar reformas cuxo único e real obxectivo consiste en recortar
dereitos económicos e sociais, adoptando un posicionamento unívoco por parte
desta Corporación Municipal en contra desa política, alén de articular as
medidas que sexan necesarias para evitar a perda de poder adquisitivo dos
empregados públicos”
*