miércoles, 26 de septiembre de 2012

O PSdG-PSOE cumprirá os convenios que a Xunta "non quixo facer" en Ordes

Xesús Pedreira (der.) xunto cos candidatos socialistas esta mañá na feira de Ordes.

Méndez Romeu insiste na necesidade dun centro loxístico do téxtil en Ordes e aplaude a idea dun centro municipal de emprendemento

Bugallo di que os socialistas axilizarán dende a Xunta as estradas de conexión da N-550 con Cerceda e con Carballo, así como executar os 1,2 millóns de euros comprometidos en saneamento e abastecemento         

Os socialistas Xosé Luís Méndez Romeu e Xosé A. Sánchez Bugallo, candidatos 2 e 4 nas listas do PSdeG-PSOE da Coruña ás eleccións do vindeiro 21 de outubro, visitaron esta mañá Ordes, onde mantiveron un encontro co secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, e repartiron información na feira ordense sobre os compromisos dos socialistas de cara aos vindeiros comicios.

Así, Sánchez Bugallo asegurou que “os socialistas traballaremos para axilizar a execución das obras da estrada de Mercurín, que une os polígonos industriais de Ordes e Cerceda, e que levan varios anos de atraso. Ademais, desenvolveremos o proxecto para conectar a N-550 coa estrada que vai a Carballo, por detrás do camposanto”. 

Neste sentido, Sánchez Bugallo insistiu en que “cando Pachi Vázquez sexa o novo presidente da Xunta, daremos cumprimento aos compromisos que a Xunta ten con Ordes e que o Partido Popular non quixo levar a cabo, como ese 1,2 millóns de euros que estaban previstos para abastecemento e saneamento”.


Recuperación do emprego
Pola súa banda, Méndez Romeu asegurou que os socialistas manterán a súa aposta pola recuperación do emprego na comarca de Ordes, especialmente no sector téxtil. “Xa presentamos unha moción para crear un centro loxístico do téxtil en Ordes, pero o PP non quixo falar de Ordes e referiuse a outras localidades como Lalín ou Vigo. 

Nós queremos apostar por crear un centro loxístico en Ordes que permita a recuperación dos talleres que hai na zona, evitar a contratación fraudulenta e que se poidan contratar procesos complexos”, asegurou o número 2 da lista socialista por A Coruña.


Centro Municipal de Emprendemento
Así mesmo, Méndez Romeu aplaudiu a proposta do secretario xeral dos socialistas de Ordes, Xesús Pedreira, de crear un Centro Municipal de Emprendemento (CME), que se situaría na primeira planta da Praza de Abastos ordense, que na actualidade se atopa sen utilización. Pedreira agradeceu os compromisos de Sánchez Bugallo e Méndez Romeu e lembrou que o Goberno socialista foi o que máis investiu en Ordes: case 13 millóns de euros.

Así mesmo, agarda que no pleno de mañá xoves poida saír adiante a súa proposta de Centro Municipal de Emprendemento, ao que poderían acudir todos os emprendedores de Ordes cun proxecto ou idea viable. A proposta socialista é crear entre 8 e 10 oficinas, dotadas dos servizos comúns  máis necesarios (Internet, teléfono, fax, fotocopiadoras, etc) e cun servizo de asesoramento xurídico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.

*