“Como o PP non pode presentar ningunha obra significativa nos últimos catro anos en Ordes, agora tenta adueñarse do que non fixeron”, asegura
O secretario xeral da Agrupación Socialista de
Ordes, Xesús Pedreira, considerou esta mañá “unha burla e unha ofensa a todos os ordenses, que o Partido Popular de Ordes trate de enganar aos veciños atribuíndose obras outorgadas
pola Xunta bipartita porque sabe perfectamente que non pode presentar ningunha
obra propia”.
Pedreira recoméndalles aos populares ordenses, e en concreto a José Luís Martínez Sanjurjo, que “abandonen a política da mentira e o engano
masivo á xente que practican tanto o señor Feijóo en Galicia como o señor Rajoy
en Madrid. Xa está ben de enganar á xente”.
O alcalde de Ordes, Manuel Regos, e o concelleiro socialista Xesús Pedreira, coa conselleira María Xosé Caride, tras a sinatura do convenio da ronda leste, o 26 de febreiro do 2009. |
Convenio coa Xunta bipartita
Pedreira lembra que o convenio da rolda
leste foi autorizado en febreiro de 2009 pola daquela conselleira de Política
Territorial, Obras Públicas e Transportes, a socialista María Xosé Caride. Así mesmo, recorda que a reforma da Casa
do Concello ordense é froito dun convenio asinado co daquela conselleiro de
Presidencia, o socialista Xosé Luís Méndez Romeu.
Dúas obras, aseguran dende o PSdG-PSOE local, conseguidas polo
equipo de Goberno do Concello de Ordes do que formaba parte o concelleiro
socialista Xesús Pedreira e onde a Xunta do PP unicamente interviu na
aprobación dun modificado na obra da casa consistorial, diante da situación
estrutural do inmoble.
Xesús Pedreira (PSdG-PSOE). |
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral do Socialistas de Ordes
“Como o PP non pode presentar ningunha obra
significativa feita nos últimos catro anos en Ordes, agora tenta adueñarse do
que non fixeron”
"Paréceme especialmente ofensivo que Martínez Sanjurjo se apropie
da remodelación da casa consistorial ordense e da rolda leste cando tanto el
mesmo como o seu partido fixeron todo o posible por paralizar e descualificar
estas obras”
"Pídolle aos populares un pouco de memoria, pois
todos sabemos quen presentou mocións en contra da rolda leste e para paralizar
tanto a construción do novo concello como a remodelación da casa consistorial”
*