domingo, 23 de septiembre de 2012

Os socialistas de Ordes, dispostos a destinar a planta alta da praza de abastos aos emprendedores

Fachada da praza de abastos de Ordes, na rúa Mercado, onde no seu primeiro andar ubicaríase o CME.
Pedreira: "A este centro terían dereito de acudir todos os emprendedores locais cun proxecto ou idea viable”    

Os socialistas de Ordes proporán no pleno municipal do vindeiro xoves 27 de setembro a creación dun Centro Municipal de Emprendemento (CME), que se situaría na primeira planta da Praza de Abastos ordense, que na actualidade se encontra ociosa. “A este centro terían o dereito de acudir todos aqueles emprendedores locais cun proxecto ou idea viable”, explica o voceiro municipal, Xesús Pedreira

Unha viabilidade que sería valorada previamente por persoal cualificado e de acordo cuns baremos establecidos  nun regulamento.

Por iso, os socialistas instarán ao Goberno municipal a desenvolver todas as obras que sexan pertinentes para que se poidan situar alí entre oito e dez oficinas, dotadas dos servizos comúns  máis necesarios (internet, teléfono, fax, fotocopiadoras, etc) e cun servizo de asesoramento xuridico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.

Xesús Pedreira, do PSOE de Ordes.
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación socialista de Ordes 
“Reduciríanse moitos dos gastos precisos para poñer en marcha unha pequena empresa ou un pequeno negocio, o que permitiría que os veciños de Ordes con ideas e proxectos realmente brilantes poidan levalos a cabo”

"O colectivo dos emprendedores sufríu unha caída das subvencións e das bonificacións, así como un endurecemento desproporcionado dos requisitos para poder optar a unha axuda, dende que o PP accedeu ao Goberno de Galicia e despois ao de España”

“O Goberno de Feijóo, e despois o do señor Rajoy, xeraron unha enorme preocupación social neste e outros campos, polo que a posibilidade de desenvolver bos proxectos e boas ideas vai estar ligado exclusivamente ao poder adquisitivo de cada cal e non realmente á calidade das ideas ou dos proxectos”

*