domingo, 23 de septiembre de 2012

O PP de Ordes pide a dimisión de Roberto González

Martínez Sanjurjo (esq), do PP de Ordes; e Roberto González,de UxO.

Martínez Sanjurjo: “Regos pode cesar a González e demostrar que non é  un covarde ou mantelo como concelleiro de Obras, converténdose en cómplice e encubridor de irregularidades”

O Partido Popular de Ordes fixo público o pasado martes un "novo exemplo da xestión neglixente" do  Goberno do Concello de Ordes, "quen se veu obrigado a cambiar, por falta de potencia lumínica, un lote de farolas instaladas no ano 2008 e que custaron a razón de 4.200 euros a unidade".

O Partido Popular recorda así que en agosto de 2008, a Xunta de Goberno local do Concello de Ordes aprobou  un gasto de 231.888,93 euros correspondente á reposición do alumeado nas rúas dos Lagartos (31 farolas), Rúa Nova (16 farolas) e República Arxentina (6 farolas).

De inmediato, aseguran dende o PP, os veciños e usuarios destas vías expresaron o seu malestar pola escasa potencia lumínica dos novos puntos de luz. Así, a xuízo do PP local, "o Concello equivocárase ao elixir o modelo de farola, que non se axustaba ás características e necesidades das rúas nas que foron instaladas".

Retirada das farolas
"Agora tan só catro anos despois, o Concello de Ordes disponse a substituír os puntos de luz da Rúa dos Lagartos  (retirar 31 e colocar 15 novas farolas), da Rúa Nova (retirar 15 e colocar 9) e da Rúa Galicia (retirar 23 e colocar 14) con cargo a un programa de subvencións da Deputación Provincial da Coruña, aseguran os populares, quenes cifran o prezo de cada farola, con impostos incluídos, nuns 3.157 euros.

O Partido Popular, que sempre criticou as deficiencias lumínicas das anteriores farolas, non cuestiona o cambio, pero sí critica con dureza este "novo caso de derroche e neglixencia do Concello de Ordes", dado que, "tan só catro anos despois de executar as obras, tira pola borda os 231.000 euros investidos en 2008 nesas farolas como consecuencia da mala planificación".

Por iso, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, esixe ao alcalde de Ordes o "cesamento inmediato" do concelleiro de Obras como "responsable directo" deste novo caso de "despilfarro", que constitúe "un insulto" ao conxunto dos veciños que financian o Concello cos seus impostos.

As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
Roberto González debe dimitir ou ser cesado con carácter inmediato; a ninguén lle pode saír de balde unha irresponsabilidade desa magnitude”

“Este novo caso de derroche ofrece a Regos a oportunidade de cesar a Roberto González e demostrar que non é un covarde político: se, pola contra, o ratifica no cargo, o alcalde estarase convertendo en cómplice e encubridor das irregularidades denunciadas"

"O acontecido coas farolas da Rúa dos Lagartos e da Rúa Nova, que tan só catro anos despois de instaladas deben ser substituídas por inservibles, é só un exemplo máis da sucesión de obras e decisións irresponsables adoptadas en Ordes desde que Manuel Regos asumiu a Alcaldía. Así aconteceu, entre outros casos, coas festas patronais de 2007, que o Concello pagou dúas veces; coa ampliación da Alameda, que lonxe de servir para o seu o propósito inicial, presenta numerosas deficiencias e humidades nos locais que alberga; ou coa ampliación da Casa Consistorial, tan innecesaria e pouco funcional, como mal plantexada, ata o punto de poñer en risco a integridade do antigo edificio"

*