sábado, 6 de julio de 2013

Preparan unha homenaxe ao médico exiliado Paco Comesaña


A historia de amor coa súa dona, a ordense Chonchiña Concheiro, quen xa cumpriu os cen anos de idade, inspirou a Manuel Rivas para escribir O lapis do carpinteiro


A asociación cultural Inquedanzas ten programado para o próximo xoves 18 de xullo ás 20:30 horas no Museo de Traxe de Ordes un acto de homenaxe ao médico tudense Francisco Comesaña na data do centenario do seu nacemento. Participarán como ponentes o escritor Xosé Neira Vilas e o historiador ordense Manuel Pazos.

Francisco Paco Comesaña estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela, cidade onde coñeceu á ordense Asunción Chonchiña Concheiro García,  hoxe tía de Manuel María Concheiro, empresario fundador de Internaco

Moi comprometidos ambos co socialismo e o comunismo durante os anos 30, Comesaña chegou a ser presidente das Xuventudes Socialistas de Galicia. O estalido da guerra civil, o 18 de xullo de 1936, sorprendeu a Paco Comesaña en Ordes coa súa por aquel entonces noiva Choncha. Xunto a un grupo de veciños demócratas republicanos ordenses formaron un comando de resistencia ao golpe de Estado.

Poucos días despois, Comesaña sería apresado e logo condeado a morte por un tribunal militar xunto a outros republicanos. Puido salvarse dunha execución segura por nacer en Cuba. Cumprindo condea no cárcere de Castellón casou por poderes con Choncha Concheiro. 

Os seus compañeiros republicanos non correron esa mesma sorte e serían executados no cemiterio de Boisaca, no mesmo lugar onde hoxe existe unha placa que os lembra.

Francisco Comesaña Concheiro.
Cuba e México
Repatriados a Cuba, o matrimonio entabla amizade con intelectuais galegos exiliados, especialmente con Xosé Neira Vilas. Tempo despois se desprazarían a México onde e Comesaña xercería como médico e especializándose en atender aos exiliados galegos e españois no país americano. 

Alí nacerían os seus fillos, entre eles o prestixioso violinista Francisco Comesaña Concheiroprofesor da Orquesta Sinfónica de Radiotelevisión Española, falecido en abril do 2011. 

Xa antes, en 1975, o matrimonio retornaría a Tui onde Comesaña exercería de médico ata a súa morte en 1995. Choncha Concheiro cumpliu recentemente os cen anos de idade.

A historia de amor entre Paco Comesaña e Choncha Concheiro inspirou a Manuel Rivas para escribir a novela O lapis do carpinteiro (Xerais, 1998) posteriormente levada ao cine por Antón Reixa en 2002.

*