martes, 30 de julio de 2013

O BNG de Ordes oponse ao peche de agosto da piscina climatizada

A piscina climatizada das Casillas (na foto) pechará este ano durante todo o mes de agosto.

Ramiro Recouso: "A precaria situación económica do Concello xunto coa falta de organización na xestión das instalacións, fai que Regos peche un servizo moi utilizado polos veciños"

O BNG en Ordes acusou esta mañá ao alcalde de Ordes, Manuel Regos, de pechar a piscina climatizada durante todo o mes de agosto por falta de orzamento. Dendo o BNG aseguran que esta situación "deixou tirados a moitos usuarios e usuarias". 

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, manifestou que “a grave situación económica que sofre o Concello de Ordes debido á xestión insostíbel mantida por Manuel Regos nos últimos seis anos, fai que se recorten servizos municipais para poder facer fronte á débeda municipal que afoga as arcas municipais”.

Desde o BNG lembran que a piscina climatizada sempre se pechaba a segunda quincena de agosto por vacacións do persoal e para realizar labores de limpeza e mantemento das instalacións. 

E que este ano, o Goberno que preside Manuel Regos vai pechar as instalacións durante todo o mes de agosto,  "deixando de prestar un servizo moi utilizado non só polos veciños e veciñas de Ordes, senón por moitos habitantes da comarca”, aseguran.

Ramiro Recouso (BNG).
As frases de Ramiro Recouso, portavoz municipal do BNG de Ordes
"O peche desta instalación composta por piscina, ximnasio e sala de actividades aeróbicas vai afectar a todos aqueles usuarios que practican deporte asiduamente, ademais de aqueles que utilizan as instalacións co ánimo de mellorar a saúde, como os que se rehabilitan de lesións ou os que practican natación para aliviar doenzas varias”

"A precaria situación económica do Concello xunto coa falta de organización na xestión das instalacións, fai que Regos peche un servizo moi utilizado polos veciños, mentres non afronta unha restauración noutros que provocan grandes déficits nas arcas municipais, como Radio Ordes ou Museo do Traxe"

*