martes, 9 de julio de 2013

O PSOE de Ordes denuncia os recortes da Deputación e Xunta nas axudas á escola de música

Un ensaio da Banda de música de Ordes. 
Xesús Pedreira: “Ordes, con 13.000 veciños, pasa do 10.000 aos 2.983 euros. A Baña, de apenas 4.000 veciños, pasa de 10.000 a 9.978 euros. Está claro que dende a Deputación están a favorecer claramente aos concellos gobernados polo PP"

O Partido Socialista de Ordes denunciou hoxe un recorte de máis do 73,8% nas axudas que a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia conceden á escola municipal de música de Ordes, que pasan dos 11.423 euros recibidos en 2012 aos 2.983 euros concedidos para 2013. 

A maior caída rexístrase nas achegas provinciais, que pasan dos 10.000 euros establecidos nos últimos anos aos actuais 2.983,1 euros concedidos para este ano. No caso da Xunta de Galicia, aseguran os socialistas, a partida simplemente desaparece.

O PSOE de Ordes denunciará esta "clara discriminación" na vindeira sesión plenaria, na que presentará unha moción para manter o carácter lineal das axudas, sen distinción por cor política. Unha discriminación que pode poñer en perigo a continuidade desta escola.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal do PSOE de Ordes 
“Aínda que é certo que o programa de axudas se reduce dos 360.000 aos 250.000 euros, este descenso só afectará aos concellos que, como Ordes, non contan cun goberno municipal do Partido Popular

“Ordes, cunha poboación de 13.000 veciños, pasa do 10.000 aos 2.983 euros. Un municipio como A Baña, de apenas 4.000 veciños, pasa de 10.000 a 9.978 euros" 

"Está claro que dende a Deputación están a favorecer claramente aos concellos gobernados polo PP e facendo recaer todos os recortes sobre concellos gobernados por socialistas, nacionalistas ou independentes”.

“Cando gobernaba o Bipartito as achegas foron de 3.841 euros en 2008, un 170% máis que as cantidades subvencionadas polo PP”

*