Os populares consideran "escandaloso" que cos 15000 euros adxudicados para as obras só se colocasen carteis de desvío e se fixera un valo de terra
O Partido Popular de Ordes informou hoxe que a estrada local que
enlaza os núcleos de Meitufe coa Porta do Nó e o Mesón do Vento leva
seis meses pechada ao tráfico polos desperfectos ocasionados por un temporal en
xaneiro sen que, desde entón, o Concello de Ordes teña amosado o máis mínimo
interese en arranxar o problema.
Un desprendemento
producido a mediados de xaneiro na ponte do Prado Novo, construída sobre unha
tubaxe metálica de gran diámetro, situada na cola do encoro de San Cosmade,
provocou o peche ao tráfico da vía, o que obriga aos veciños a efectuar desvíos
de varios quilómetros para os seus desprazamentos habituais.
Ademais, sempre segundo o PP de Ordes, un dos
desvíos alternativos, a través dun camiño de concentración parcelaria, sen
asfaltar e repleto de pedras soltas e fochancas, resulta dificilmente transitable.
Arranxo da ponte
O Partido Popular leva
reclamado, no Pleno, en reiteradas ocasións, o arranxo da ponte, sen acadar
resultado algún ata o de agora.
Chama a atención que na
Xunta de Goberno Local do pasado 14 de febreiro se adxudicou un contrato de
obra menor por valor de 15.185 euros para a reparación desta ponte e cinco
meses despois, o Concello se limitou a colocar indicadores de desvío e a cortar
o acceso á ponte cun valado de terra en Meitufe.
O acordo, literal, é o
seguinte:
· Adxudicar o contrato
menor de obras “Reparación ponte en
Meitufe”, con cargo á partida 453.210.00
do orzamento municipal, a ... por
importe de EUROS QUINCE MIL CENTO
OITENTA E CINCO CON CINCUENTA (15.185,50) [12.550,00 prezo + 2.635,50 ive].
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“É escandaloso que o
Concello de Ordes gastara 15.000 euros en carteis e nun valo de terróns,
mentres a pista segue cortada”
"Por que o alcalde non aproveita a bonanza
climatolóxica desta época para acometer as obras, dado que no inverno afirmou
que non se podía traballar mentres non deixara de chover?"
*