viernes, 12 de julio de 2013

O BNG de Ordes considera un "erro histórico" a orientación da Casa do Concello


Aspecto actual das obras de rehabilitación da antiga Casa do Concello ou Palacio Municipal de Ordes.

O BNG de Ordes apostaba por facer un edificio novo mantendo a mesma fisionomía do antigo

O BNG de Ordes lembrou hoxe que o tempo "lle está dando a razón", cando se opuxo ao "proxecto faraónico”, de ampliación e reforma da Casa do Concello de Ordes, dado o seu "elevadísimo" custo económico, 1,5 millóns de euros, "inaceptábel nos tempos que e nos toca vivir".

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, manifestou que o edificio construído como ampliación, “quedouse pequeno, que arquitectonicamente nada ten a ver co entorno urbanístico onde está construído e que, como xa quedou de manifesto, non cumpre uns estándares mínimos de eficiencia enerxética”.

Os nacionalistas critican que tamén se escollera, "como é habitual en Regos", o proxecto mais caro para acometer a reforma da Casa Consistorial.  Este proxecto consiste en derrubar a estrutura do edificio mantendo as catro fachadas principais, na vez de optar por outra vía mais económica, que sería a de facer un edificio novo “mantendo a mesma fisonomía do antigo”.

O BNG acusa a Manuel Regos de reincidir no "erro histórico" de non orientar a Casa Consistorial cara a praza pública adxacente á mesma, como é a Alameda da Vila de Ordes, mantendo como acceso o da avenida de Alfonso Senra.

O portavoz nacionalista suliña, que a negativa de Regos, "co habitual apoio do PSOE e CideGa", no pasado pleno de xuño, á proposta formulada polo BNG “pra facer unha pequena, e barata, reforma do proxecto de rehabilitación, dándolle acceso á Casa Consistorial desde a Alameda”, non se debe a cuestións económicas ou por ser extemporánea, como aduciu o alcalde, senón á súa teimosía en non darlle a razón ao Bloque Nacionalista Galego. Reincidindo mais unha vez nun erro histórico".

*