De esq. a der. Manolo Pazos, Xesús Pedreira, Xosé Neira Vilas e Carlos Pérez, o xoves en Ordes. |
O médico exiliado casou coa ordense Choncha Concheiro, que ven de cumprir os cen anos de idade
A historia de Paco Comesaña e Choncha Concheiro inspirou a Manuel Rivas para escribir O lapis do carpinteiro
Medio cento de veciños e veciñas
de Ordes encheron na noite do pasado xoves o salón de actos do Museo do Traxe
para asistiren á charla coloquio sobre a figura de Paco Comesaña, organizada
pola Asociación Cultural Inquedanzas co gallo da conmemoración do centenario do
nacemento de Comesaña.
Un acto que contou coa participación do presidente da
Asociación Cultural Inquedanzas, Carlos Pérez; de Xosé Neira Vilas, escritor e
membro da Real Academia Galega; de Manolo Pazos, historiador orosán e membro da
A. C. Obradoiro da Historia; e do secretario xeral dos socialistas ordenses,
Xesús Pedreira. Un acto ao que asistiron a primeira tenente de alcalde de
Ordes, Silvia Marín; e o concelleiro de Cultura, Ramón Vázquez.
Asunción Concheiro Garcia, Choncha Concheiro, nunha recente fotografía no seu 100º cumpreanos enviada por ela a Neira Vilas. |
Exilio en América
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928), aproveitou a
súa intervención para relatar algunha das seas anécdotas con Paco Comesaña, a
quen coñeceu no exilio en Bos Aires e de quen dixo que, pola súa ideoloxía,
incluso os galeguistas de dereitas lle tiñan un pouco de medo.
Tras lembrar que
ten pasado moitas tardes en Tui co doutor Comesaña, Neira Vilas lembrou unha
das anécdotas recollidas na novela O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas, e
que está baseada na vida de Paco Comesaña.
Así, Neira Vilas recordou que
Comesaña casara por poderes, polo que non puidera pasar a súa noite de vodas
coa súa muller. Sen embargo, convenceu aos Gardas Civís que o trasladaban de
cárcere para facer unha parada no Hotel Universal de Vigo para poder pasar unha
noite coa súa muller.
“Tal era o poder de convencemento que tiña Paco
Comesaña”, explicou Neira Vilas, quen sinalou tamén que os empregados do hotel,
ao ver a escolta, non pensaron en ningún momento que se trataba dun preso,
senón de alguén moi importante polo que o trato que recibiron foi exquisito.
Memoria histórica
Pola súa banda, Xesús Pedreira
explicou que “a memoria histórica é moi importante. Ordes ten que coñecer
persoas como as que foron fusiladas en Boisaca ou como Paco Comesaña, persoas
que loitaron pola democracia e pola República. E non temos que esquecer que
esta liberdade que disfrutamos hoxe é en parte froito daquela loita”.
Ademais,
sinalou que era unha grande honra falar de Paco Comesaña, de quen lembrou que
foi o primeiro secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Santiago.
Finalmente, o historiador orosán
Manolo Pazos fixo un completo achegamento á figura do médico Francisco Comesaña
Rendo, nacido en Cienfuegos (Cuba) en 1913. Del lembrou que foi encausado xunto
con once veciños máis de Ordes e condenado a morte pola ditadura franquista.
Mentres os seus 11 compañeiros de xuízo foron fusilados o 8 de febreiro de 1937
en Boisaca (Santiago), a pena de morte de Comesaña foille conmutada pola de
cadea perpetua por ter nacido en Cuba. Saíu do cárcere en 1943 e trasladouse a
México.
Volta a Galicia
Coa chegada da democracia chegou
a volver a España, onde residiu en Tui ata a súa morte en 1997. Francisco
Comesaña casou por poderes con Asunción Concheiro, veciña de Ordes, quen na
actualidade ten 100 anos e reside en México co fillo de ambos, que é profesor
na Universidade Central de México.
A charla-coloquio durou ata máis
aló das 23:00 horas e incluíu a proxección dun vídeo de Manolo Pazos con
testemuños e duras imaxes sobre os represaliados e asasinados durante a
ditadura franquista na comarca de Ordes, un tema que o historiador orosán ten
recollido no seu libro Mortes Violentas na Comarca de Ordes (1936-1952).
Ao rematar o acto, Xosé Neira Vilas aproveitou para asinarlle ao público
asistente algúns exemplares dos seus libros.
*