Os socialistas de Ordes e Oroso reunidos esta mañá na Casa do Concello de Oroso, en Sigüeiro. |
Tamén solicitan melloras na Vía Verde, no transporte metropolitano, na limpeza do Tambre, no PAC e o remate das concentracións parcelarias
Os grupos municipais socialistas de Ordes e de
Oroso, encabezados por Xesús Pedreira e Manuel Mirás, respectivamente, xunto a un grupo de concelleiros do PSOE de Ordes e membros da Executiva socialista de Ordes, reuníronse esta mañá en dependencias da Casa do Concello de Oroso para elaborar estratexias en común
que poidan beneficiar a ambos municipios.
Trátase da primeira reunión deste
tipo que ten lugar e sobre a mesa estiveron asuntos como o mal estado da N-550,
a Vía Verde, o transporte metropolitano, a limpeza do LIC do Tambre, a mellora
do Punto de Atención Continua (PAC) de Ordes e o remate das parcelarias.
Pedreira e Mirás coincidiron en destacar a
urxencia de que o Ministerio de Fomento acometa unha renovación do firme e da
sinalización horizontal e vertical da N-550, que ambos a cualifiquen como
“unha auténtica corredoira”.
Así, socialistas de Ordes, Oroso e Santiago
presentarán mocións nos seus respectivos municipios para instar ao Ministerio
de Fomento a arranxar canto antes a situación.
Transporte metropolitano
Outra das medidas inmediatas adoptadas no encontro
desta mañá é o de esixirlle ao Concello de Ordes que renove a súa petición de
entrada no servizo de Transporte Metropolitano de Santiago.
Xesús Pedreira
lembra que “os socialistas xa falaramos co secretario xeral da Consellería, Luis Vázquez, durante o Bipartito e nos dixera que Ordes entraría nunha segunda fase. O que
pasa é que agora están entrando Touro, Negreira, O Pino, Val do Dubra... e
Ordes segue fóra, polo que imos solicitarlle ao alcalde de Ordes que volva a presentar
a solicitude”.
Radioloxía para Ordes
Outro punto de coincidencia foi á hora de
solicitar o servizo de radioloxía para o PAC de Ordes. Xesús Pedreira explica
que “moitos pacientes de Oroso e de Ordes chegan a urxencias do PAC de Ordes
sen saber se teñen unha escordadura ou unha fractura, polo que os envían a
Santiago, onde colapsamos o servizo de urxencias e facemos que esas persoas
teñan que pasar entre 8 ou 9 horas para algo que se pode solucionar en Ordes
cun simple equipo de radioloxía e o seu técnico”.
O voceiro municipal socialista de Ordes lembra que
“durante o Bipartito incrementouse significativamente o número de servizos no
centro de saúde de Ordes, con servizos como dermatoloxía ou ecografía. Quedou
pendente de implantar a radioloxía dixital pero co PP xa non se puxo en
marcha”.
Vía verde
Os socialistas de Ordes e Oroso volveron coincidir
na necesidade de poñer en marcha canto antes a Vía Verde que, seguindo as
antigas vías do tren, comunicaría Santiago-Oroso e Ordes. “A Deputación
socialista subvencionou o proxecto e agora é o momento de poñelo en marcha. Unha Vía que xa fora denunciada este inverno polo grupo socialista de Ordes pola existencia de vertedoiros incontrolados.
Necesitamos que o ADIF ceda gratis os terreos, pois pretende cobrar un aluguer,
e nós porémolos en valor coa axuda da actual Deputación, pois é un proxecto
supramunicipal”, explica Manuel Mirás.
Pola súa banda, Xesús Pedreira indicou que ambos
grupos municipais presentarán iniciativas plenarias para instar á Xunta a
pechar as concentracións parcelarias que ten en marcha en ambos municipios.
Especialmente crítico se amosou coa de Santa Cruz de Montaos, “que se publicou
en 1992 e aínda está sen rematar”.
Finalmente, tanto Manuel Mirás como Xesús Pedreira
insistiron na importancia de acometer accións de limpeza no LIC do Tambre e nos
humedais dos ríos Mero, Cabrón e Lengüelle.
“Son zonas de moita riqueza de
flora e fauna pero onde hai árbores caídas sobre os ríos e non se limpan as
beiras, de xeito que a Xunta incumpre a súa obriga de repartir entre todos os
concellos os fondos que recibe do FEDER para a Rede Natura”, denuncia Mirás
Franqueira.
*