sábado, 21 de abril de 2012

Sanjurjo: "Unha neglixencia do Concello obriga a variar a rotonda da rolda leste en Buscás"


A ronda leste ao seu paso pola rotonda da Gorita, na parroquia ordense de Buscás.

O portavoz dos populares denuncia a "incapacidade do Goberno municipal" para negociar unha permuta no lugar da Gorita

Tamén advirte do mal estado do vial central do polígono de Merelle

O Partido Popular de Ordes informou hoxe de que "unha nova neglixencia na xestión do Concello de Ordes, que foi incapaz de chegar a un acordo de permuta co propietario dunha parcela situada ao carón do lugar onde se ía construir a rotonda da rolda leste, no lugar de A Gorita, en Buscás, obrigará a variar o proxecto deste vial". O incidente, aseguran dende o PP, "xenerará un novo quebranto económico para as arcas municipais".

"Antes de formalizar a permuta", informan os populares de Ordes, "o Concello de Ordes executou un peche perimetral de formigón nun predio de titularidade municipal coa intención de poñelo a disposición do propietario da parcela necesaria para completar a execución da ronda leste". Sen embargo, sempre segundo o PP, "o propietario afectado polo proxecto negouse a aceptar o cambio proposto polo Concello, que agora se verá obrigado a iniciar un procedemento de expropiación forzosa, co conseguinte retraso, ao tempo que terá que variar o proxecto técnico inicial".

Modificar o proxecto
A xuízo do PP de Ordes, "a situación obriga tamén ao Concello a efectuar unha modificación no proxecto da ronda leste, de xeito que a rotonda da Gorita perderá visibilidade, incrementando deste xeito o risco para os futuros usuarios do vial". Ao mesmo tempo, aseguran que "o investimento efectuado polo Concello para construir un peche perimetral na finca que pretendía permutar incrementará aínda máis o xa abultado déficit municipal, malia que este gasto non teña utilidade algunha".

"Este xeito de proceder do Concello de Ordes evidencia -en opinión do portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo- que o descontrol e a desidia se teñan instalado no equipo de Goberno local, como o demostra este novo despropósito na rolda leste, na que semella que comezaron as obras polo tellado”. Martínez Sanjurjo vai maís aló asegurando que estes feitos “certifican a imperiosa necesidade dun cambio de rumbo na política local de Ordes”.

Peche perimetral de formigón dun predio municipal, ao seu paso pola ronda leste.
Retrasos
Este feitos denunciados polo Partido Popular acreditan, segundo estes, "a verdadeira causa do retraso que acumulan as obras de remate da ronda leste". Así, afirma Sanjurjo, "malia que o equipo de Goberno de Ordes, coreado polo sempre dócil concelleiro socialista, tratou de culpar á Xunta de Galicia do retraso, agora queda en evidencia que as obras estiveron paradas durante meses porque o Concello non foi capaz de facerse cos terreos necesarios para a execución das obras".

Con todo, os despropósitos na execución da rolda leste de Ordes –unha obra que financia a Xunta de Galicia, pero que executa e planifica o Concello de Ordes en todas as súas fases en virtude dun convenio asinado no seu momento- van máis aló do sucedido na rotonda de A Gorita, aseguran dende o PP local.

Merelle
A rolda leste desemboca na estrada N-550 a través do vial central do polígono empresarial de Merelle. "Este vial presenta un estado lamentable desde hai varios anos, sen que o Concello adoptase medida algunha para arranxalo. De feito, na pasada lexislatura, o Concello de Ordes chegou a renunciar a unha subvención para arranxar este vial dado que carecía dos fondos necesarios para cofinanciar a reparación".

O Partido Popular avanza que o mal estado actual deste tramo se agravará aínda máis cando entre en servizo a rolda leste, ao canalizar polo centro do polígono boa parte do tráfico pesado que ata o de agora atravesaba  a vila.

*