Gonzalo Castro: "Se en cinco días Regos non facilita a relación certificada, acudiremos á xustiza ordinaria para defender a transparencia e a participación política no noso concello"
Os nacionalistas propoñen reducir as asignacións e dietas dos concelleiros
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, informou hoxe de que os nacionalistas rexistraron un escrito no Concello de Ordes, no que se empraza ao alcalde “a facilitar ao BNG, no prazo de cinco días, a relación certificada de facturas que se pretende pagar co crédito de 2,7 millóns de euros aprobado no Pleno celebrado pola Corporación Municipal, o pasado día 30 de marzo”.
O portavoz do BNG lembrou que “o BNG solicitou reiteradamente o acceso á relación certificada polo interventor remitida ao Ministerio de Facenda, mais finalmente, o único que se lle permitiu pola alcaldia foi examinar múltiples facturas almacenadas en caixas que non se correspondían coas facturas que se pretenden pagar co crédito, xa que moitas delas xa se atopaban pagadas e na suma faltaban máis de 400.000 euros con respecto ao montante total da operación de crédito”.
Diante desta situación, Gonzalo Castro anunciou que “se en cinco días non se facilita a relación certificada polo interventor das facturas que se pretenden pagar coa operación de crédito de 2,7 millóns, acudiremos á xustiza ordinaria para defender a transparencia e a participación política no noso concello e para que se depuren as responsabilidades administrativas e penais que sexan pertinentes, xa que o alcalde está incumprindo a lei, ao evitar que os veciños e veciñas coñezan que débedas se van a pagar con cargo ao crédito que aprobou o goberno municipal”
O portavoz nacionalista afirmou que “a única explicación que pode existir para que o alcalde se negue a facilitar esta información é que pretende ocultar a existencia de gastos de moi difícil xustificación e, o que é peor, pagalos co diñeiro de todos os veciños e veciños de Ordes”.
Crédito e plan de axuste
Gonzalo Castro reiterou as criticas do BNG duramente o Plan de Axuste e a operación de crédito, aprobada polo goberno municipal, co apoio de PSOE e CideGa, porque “vai hipotecar o futuro dos veciños de Ordes para os próximos dez anos”
Concello obrigase a pagar aos bancos perto dun millón de euros de intereses, cuns intereses leoninos, os veciños e veciñas de Ordes terán recortes en servizos públicos por valor de case 400.000 euros anuais e sofrirán unha brutal subida dos impostos, taxas e prezos públicos de perto de 300 euros anuais por familia media”
Gonzalo Castro, do BNG de Ordes. |
A proposta nacionalista: Plan de pagos
O BNG propuxo que “se habilitase un plan de pagos para os proveedores do Concello, priorizando o pago das facturas xustificadas e "xustificables” das pequenas e medianas empresas, que teñen moita máis prioridade que os 600.000 euros que supostamente se deben a Fenosa, ou os 200.000 que se deben a Sogama, e deixando para o final os gastos de dubidosa procedencia, sobre os que se estudaría a pertinencia do seu pago”.