Os alcaldes da Comarca de Ordes, reunidos esta mañá nas dependencias dos baixos da Alameda. |
A Gala do Deporte terá lugar en Oroso o mércores 16 de maio
O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou esta mañá solicitarlle á Consellería de Traballo e Benestar a renovación da axuda para a organización dunha nova edición do curso de habilidades sociais para persoas con discapacidade. Unha exitosa iniciativa que a entidade supramunicipal desenvolve dende hai uns anos nunha aula especificamente habilitada polo Concello de Ordes no recinto feiral do Mesón do Vento.
A subvención solicitada pola Mancomunidade ordense permitirá a contratación dunha docente e dunha especialista de apoio para desenvolver esta iniciativa, na que participaron un total de dezaséis persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial da comarca de Ordes. Un curso dirixido a alumnos cun grao de discapacidade recoñecido do 65% ou superior.
O presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos, destaca a importancia desta iniciativa tanto para os alumnos como para as familias: “os alumnos aprenden a manexarse e a relacionarse cos demais, mentres que para as súas familias tamén supón un tempo para desconectar da rutina”. Nas clases, os mestres potencian a autonomía persoal dos alumnos e as súas posibilidades de socialización. Por iso, entre outras actividades, os alumnos participan en obradoiros de alfabetización, de cociña, de tarefas do fogar, de hixiene persoal ou de hábitos saudables.
Subvención e Gala do Deporte
O pleno da Mancomunidade tamén aprobou solicitar unha nova subvención á Consellería de Traballo e Benestar para a contratación de sete operarios para un proxecto de renovación e reparación da sinaléctica nos sete municipios da comarca. Así mesmo, o pleno deu o visto bo á creación de contas nas redes sociais dende o Centro de Información á Muller (CIM), como unha canle de comunicación máis coas mulleres da comarca de Ordes.
Finalmente, o pleno da Mancomunidade fixou tamén a data da V Gala do Deporte: será o mércores 16 de maio no centro deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro. Unha quinta edición na que se premiarán aos 35 deportistas ou entidades deportivas máis destacadas durante o 2011 nos municipios de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. A data da VI Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes, que terá lugar en Ordes, aínda quedou por fixar.
A esta sesión ordinaria desta tarde do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asistiron asistiron todos os alcaldes da comarca: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Regos Boquete (Ordes), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Xosé Dafonte Varela (Trazo) e Antonio Pereiro Liñares (Tordoia).
*