miércoles, 25 de abril de 2012

O PP de Ordes denuncia lesións en viandantes por mor da colocación de baldosas esbaradizas na rúa Rosalía Castro


Baldosas da rúa Rosalía Castro que o PP de Ordes asegura non cumpren coa normativa para estas instalacións.
O Partido Popular preguntará por este asunto no Pleno de mañá

O PP de Ordes denuciou hoxe que "as baldosas esvaradizas colocadas polo Concello de Ordes ó pe de algúns dos pasos de peóns da vila están a provocar numerosas caídas entre os viandantes, algúns dos cales acabaron con lesións de gravidade, como fracturas que precisaron atención hospitalaria".

O maior volume de caídas por esvaramento, segundo informa o PP, rexístrase na esquina do cruce da avenida de Alfonso Senra coa rúa de Rosalía de Castro, "onde os reiterados accidentes rexistrados levaron ao Concello de Ordes a instalar un pasamáns metálico que, polo de agora, non  ten ofrecido os resultados agardados". De feito, aseguran que con posterioridade á instalación dese elemento metálico xa se produciron novos accidentes.

Preguntas ao Goberno
O Partido Popular de Ordes reiterará por terceira vez o asunto no Pleno municipal previsto para este xoves, no que esixirá a través dunha pregunta verbal explicacións ao equipo de Goberno polo sucedido. Tamén reclamará a adopción das medidas necesarias para evitar que se sigan producindo novos accidentes neste punto céntrico da vila.

O Partido Popular asegura que o pavimento táctil de botóns instalado polo Concello de Ordes nalgúns puntos da vila non se axusta ás especificacions técnicas que regulan este tipo de equipamentos. "Nin a separación  entre os botóns, nin a ubicación e dimensións da franxa sinalizadora cumpren coas especificacións técnicas; sen esquencer as elevadas pendentes das beirarruas nas que foron empregados", apuntan.

*