martes, 24 de abril de 2012

Ordes celebrará este venres o Día Internacional da Danza


Ensaio en aberto da agrupación polifónica e cultural Sementes da Arte e do grupo de gaitas Os Viqueiras

Co gallo do Día Internacional da Danza o próximo venres 27 de abril, o Campo da Feira de Ordes acollerá a actuación especial da agrupación polifónica Sementes da Arte e do grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes. Será a partir das 19:30 horas cando se leve a cabo un ensaio en aberto.

O punto de encontro será a explanada situada na entrada principal do Museo do Traxe Juanjo Linares. A Xota de Ordes, Muiñeira de Ordes, Muiñeira de Xanceda, Danza do ramo ou Danza de Santa María, serán algunhas das pezas das que poderán disfrutar. 

Tamén está prevista a lectura dun manifesto sobre o baile e a danza distribuído pola Federación Española de Agrupacións de Folclore, e asinado polo coreógrafo Akram Khan e por Alkis Raftis, presidente do Consello Internacional da Danza . Entre outros aspectos o texto exalta a importancia da danza como elemento comunicador e de linguaxe universal, así coma a súa capacidade de transformación e de unión.
  
Unesco
O Día Internacional da Danza ven celebrándose todos os 29 de abril dende o ano 1982. Foi establecido polo Comité de Danza do Instituto Internacional do teatro da Unesco, co obxetivo de atraer a atención do público sobre esta arte.

Este encontro de danza está organizado por Sementes do Arte, Os Viqueiras de Ordes e o Museo do Traxe Juanjo Liñares, coa colaboración do Concello de Ordes. 

*