sábado, 28 de abril de 2012

O PP de Ordes agradece a Agustín Hernández a súa implicación no remate da ronda leste


De esquerda a dereita, José Luis Martínez Sanjurjo, Agustín Hernández e Belén do Campo.

Martínez Sanjurjo: "Afortunadamente, Galicia ten na actualidade o Goberno máis solvente de España"

O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, agradeceu onte a implicación  persoal do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, "para desbloquear e rematar as obras da segunda fase da rolda leste da vila".

Para o voceiro do PP local, a presenza de Agustín Hernández no acto inaugural celebrado onte acredita o compromiso da Xunta de Galicia con Ordes e cos seus veciños, e lamenta a sucesión de retrasos provocados polo propio Concello na execución do vial que permite circunvalar a vila.

"Falsidades do Concello e PSOE"
“O tempo pon a cada un no seu sitio”, afirmou Martínez Sanjurjo en referencia á "sucesión de falsidades proferidas desde hai meses desde o Concello, e tamén desde o PSOE, que para ocultar a incompetencia do Goberno local, trataron de responsabilizar dos retrasos á Xunta".

“Afortunadamente, Galicia ten na actualidade o Goberno máis solvente de España, que cumpre cos seus compromisos e paga as súas obras, a diferencia do que sucede co Concello de Ordes, sumido na bancarrota como consecuencia dunha xestión irresponsable”, agrega Martínez Sanjurjo.

“Os feitos acreditan que o único que non paga aquí e ó Concello de Ordes”, continúa José Luis Martínez, ao tempo que recorda que "en dous anos, o Goberno de Regos nin sequera foi capaz de formalizar a cesión da parcela necesaria para execución da rotonda de A Gorita, na propia rolda leste".

O PP local recorda que "ademais das dificultades para dispoñer dos terreos necesarios para as obras, a falta de liquidez do Concello xerou tensións cos empresa construtora".

A obra, aseguran dende o PP, foi financiada pola Xunta de Galicia mediante un convenio asinado co Concello de Ordes. "A Xunta efectúa a trasferencia ao remate de cada anualidade, unha vez recibida a certificación de obra, compromiso de desarma os argumentos esgrimidos tempo atrás polo Concello para desviar a atención sobre a causa real dos retrasos", asegura Martínez Sanjurjo. 

*